A portavoz nacional, Ana Pontón, preguntou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se vai boicotear a transferencia da AP-9 logo da súa aprobación no Congreso, instalado no seu ‘Non’ a Galiza.
En declaracións aos medios antes de asistir en Vigo á toma de posesión da nova reitora da UVigo, Carmen García Mateo, Pontón referiuse ao debate da transferencia da autoestrada galega no Congreso e que, subliñou, supón “un gran día para Galiza” porque se avanza “de maneira efectiva” na aprobación do traspaso.
Logo de lamentar que o PP, cada vez que hai un avance para o País no que participa o BNG, se poña en contra demostrando que pon por diante os seus intereses de partido traizoando o futuro de Galiza, a líder nacionalista dirixiu unha pregunta moi clara ao titular do Executivo galego.
“Unha vez que se aprobe a transferencia da AP-9, que vai facer o señor Rueda? Boicoteala desde a Xunta? Vai tamén dicirlle que ‘Non’ como á quita de 4.000 millóns de euros na débeda pública que conseguimos tamén grazas a unha negociación do BNG?”, cuestionou.
Neste sentido, instou a Rueda a aclarar aos galegos e galegas cal vai ser a súa posición porque, criticou, “o que non pode ser é que teñamos a un Partido Popular que, cada vez que se consigue algo para Galiza, di ‘Non’”.
Por iso, afondou, o presidente da Xunta ten que explicar que vai facer en relación ao traspaso da AP-9: “Vai negarse tamén a negociar esta transferencia na Comisión Mixta e vai facer exactamente o mesmo que fixo coa quita da débeda que negociou o BNG?”, incidiu.
Pontón lamentou que Rueda e o PP estean boicoteando o traspaso da autoestrada mentres os galegos e as galegas se senten orgullosos de poder “dar pasos adiante” para o País coma este. “É unha mágoa que hoxe haxa un galego como é Rueda que estea triste e que estea boicoteando un avance para todos os galegos e as galegas”, concluíu.
