Cúmprense 45 anos da primeira manifestación que percorreu as rúas galegas na defensa dos dereitos do colectivo LGBT. Foi en 1981 cando no rueiro vigués comezaron a resoar consignas reclamando dereitos para todas as persoas, consignas e demandas que o nacionalismo defendeu naquel momento e mantén vixentes desde aquela.
Aínda que resulta indiscutíbel o avanzo lexislativo e normativo que se foi dando co paso dos anos grazas á loita do colectivo, tamén na Galiza, é preciso pór de manifesto a pervivencia da LGBTfobia, cun apoio explícito de sectores da dereita e a ultradereita e que atopa novas canles para difundirse e propagarse a través das redes sociais.
Aliás, estas ideoloxías reaccionarias non perden a ocasión de instrumentalizar as violencias que sofre o colectivo para espallar, entre outros, racismo e xenofobia. Esta apropiación, xúntase ao pinkwashing realizado desde empresas privadas ata movementos políticos coma o sionismo, que non dubidan en parasitar o movemento LGBT+ para branquear a súa imaxe nunha suposta defensa dos dereitos humanos que vulneran reiteradamente.
A pesar do camiño andado, aínda fica moito por facer, non só para acadar novos dereitos senón tamén na defensa férrea daqueles xa recollidos actualmente na lexislación. Por isto, a loita segue a ser tan necesaria para combater a LGBTfobia en todas as súas formas, sendo esta a única vía para termos unha Galiza na que sermos verdadeiramente libres.
Desde o BNG sostemos inquebrantábel este compromiso, mantendo a loita tanto nas rúas coma nas institucións. Así, continuaremos esixindo unha educación libre de violencias na que as crianzas poidan medrar no respecto á diversidade, unha sanidade non patoloxizante nin estigmatizante que atenda ás nosas necesidades concretas, e unhas administracións públicas completamente implicadas na erradicación da LGBTfobia.
O horizonte está claro: a construción dunha Galiza ceibe, sen odio nin discriminacións, na que todes sexamos libres. Sabendo isto, este 28 de xuño voltamos alzar a nosa voz e saír ás rúas da man do movemento LGBT+ galego, na defensa dos dereitos de todas as persoas a construír o seu proxecto vital sen que as nosas disidencias sexuais ou de xénero nos limiten.