BNG leva a Bruxelas as imaxes da vaga de lumes na Galiza da man do fotoxornalista Brais Lorenzo

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda subliña a importancia de amosar no Parlamento Europeo “unha das maiores catástrofes medioambientais, económicas e sociais que viviu a Galiza nas últimas décadas pola falta de políticas forestais e en ordenación do territorio”, ante un verán baixo a ameaza de novos incendios extremos en toda Galiza e Europa.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, inaugurará o vindeiro martes 30 de xuño “unha exposición sobre a vaga de lumes que padeceu Galiza no 2025, da man das impresionantes fotografías do galardoado fotoxornalista Brais Lorenzo, premiado co World Press Photo Award 2026”. Será a primeira vez que o Parlamento Europeo acolla unha mostra sobre a vaga de lumes en Galiza.

A exposición gráfica titulada Lume, a ameaza dos incendios en Europa: o caso de Galiza a través da mirada de Brais Lorenzo, estará inaugurada polo vicepresidente do Parlamento Europeo, Nicolae Stefanuta e a directora xefe da Unidade de Prevención de Redución de Desastres e Riscos de Nacións Unidas, Natalia Alonso Cano. Tamén intervirán eurodeputados franceses e portugueses.

Compre lembrar que no ano 2025 arderon na Galiza 209.281 hectáreas segundo os dados do sistema europeo Copernicus, 122.000 delas só no mes de agosto, o peor da historia de Galiza, cifras que son o dobre das oficialmente declaradas pola Xunta de Galicia. Con motivo da mostra fotográfica, a eurodeputada Ana Miranda manterá precisamente unha reunión de traballo con científicos e técnicos do Joint Research Center (JRC) e do sistema Copernicus, e tamén con altos responsables da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.

Con motivo da exposición fotográfica, desprazarase a Bruxelas unha delegación de representantes dos concellos máis afectados por unha das maiores catástrofes medioambientais, económicas e sociais que sufriu a Galiza nas últimas décadas, o responsable de Agricultura da Executiva Nacional do BNG, Xosé Manuel Puga, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza e experta en política forestal, Monserrat Valcárcel, xunto a bombeiros e brigadistas da Xunta e do Estado, ademais de xornalistas e representantes de medios de comunicación galegos.

Loitar contra o Cambio Climático e a falta de políticas forestais

Infelizmente, este ano repítese un marco agravado polo Cambio Climático: elevadas temperaturas, seca, baixo nivel hídrico e vexetación de matogueira, uns factores propicios para desencadear grandes lumes.

Considera a eurodeputada do BNG que “a catástrofe que vivimos as galegas e os  galegos o pasado ano non pode pasar desapercibida. Debemos facer memoria para que non se repita a desidia e a incompetencia da Xunta”. En 2025, o 70% dos fondos empregados en Galiza na extinción, prevención e ordenación forestal ante os lumes chegaron dende a Unión Europea, grazas ao Fondos Europeos Agrícolas para o Desenvolvemento Rural (FEADER).

Durante o 2025 máis dun millón de hectáreas foron queimadas en toda a Unión Europea e ante un novo verán baixo a ameaza de novos incendios extremos, Ana Miranda denuncia que “na base do problema está o abandono do monte, a falta de políticas en ordenación territorial e ordenación forestal, a falta de prevención e reforzo dos medios durante todo o inverno, xusto o que o PP na Xunta nunca fixo”. 

 

Convite lume V2-01
Convite lume V2-01
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG