A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acusou o PP de negarse a cubrir a praza de pediatría no centro de saúde de Sarria, onde a poboación infantil de 0 a 15 anos está a sufrir as consecuencias da improvisación do Goberno galego, que intenta “enganar” as familias porque din apoialas nas súas demandas pero despois “non toman ningunha decisión para resolver os seus problemas”.
Agradeceu neste sentido este “arranque de sinceridade” coas familias porque —dixo— cando van ás concentracións desas nais “mentireiras e alarmistas”, danlles a razón mentres aquí, onde se toman as decisións, “danlles coas portas nos fociños”. “Vostedes son puro cinismo político, máis falsos que unha moeda de tres euros”, expresou dirixíndose aos populares, porque votan en contra do que apoian en Sarria.
Na súa intervención, a deputada nacionalista recordou que as familias de Sarria e da súa comarca recolleron xa máis de 2.000 sinaturas e iniciaron ademais mobilizacións para reclamar o que é un dereito das súas fillas e fillos: “a cobertura da praza de pediatría con carácter permanente e a garantía dos dereitos das crianzas que merecen unha atención continuada, próxima, accesible e pública”, sinalou.
O BNG relaciona este colapso coa falta de planificación e coa insuficiencia de decisións políticas do PP en materia de formación, contratación e cobertura estable de prazas. “Aquí non vale o discurso de ‘non hai pediatras’ se a Administración non forma e non cobre con carácter permanente o que necesita a poboación”, argumentou Rodil.
A deputada lembrou que hai 120 concellos que, segundo o Consello de Contas, non teñen pediatra, e 96 nos que se compartiu este servizo, ademais de que en Lugo existe maior presenza de derivacións de pediatría a médicos de familia que a media do conxunto de Galicia, sen que iso resolva o dereito real das crianzas.
Segundo explicou Rodil na Comisión de Sanidade, o centro de saúde de Sarria conta actualmente con dúas pediatras asignadas, mais unha das prazas está vacante tras a xubilación da persoa titular, sen que esta se cubrise de novo, situación que está “levando ao límite á única pediatra dispoñible na zona”, advertiu.
Recordoulle neste punto ao PP as palabras da directora xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas que, nesta mesma Comisión 5ª “sacaba peito de que a media de tarxetas sanitarias en pediatría en Galiza está entre 900 e 1.000, segundo presumiu, “por baixo da rateo recomendada polo Ministerio de Sanidade”. “Sabe canta poboación está atendendo a pediatra, a única que hai na comarca de Sarria, para atender a comarca enteira?. “Máis de 2.000 nenos e nenas de entre 0 e 15 anos”, subliñou. Concellos como Láncara, A Pobra de San Xiao, O Páramo, O Incio, Paradela, Samos e Triacastela son atendidas por esta única pediatra, o que supón “unha sobrecarga inasumible e unha merma directa da calidade asistencial”, remarcou.
A deputada nacionalista advertiu ademais que esta situación está a provocar listas de espera de máis de quince días, chegando nalgúns casos a un mes para unha cita ordinaria. “Cando só hai unha pediatra para unha comarca enteira, aumentan as derivacións ás urxencias pediátricas no HULA e medran tamén as consultas en clínicas privadas”, afirmou.
Rodil incidiu en que o feito de que haxa máis de 2.000 nenas e nenos para unha soa pediatra, significa que a política non está a garantir o dereito á atención pediátrica especializada que corresponde, como son o programa da nena e neno san, as enfermidades comúns, as estacionais ou as urxencias.