Luís Bará demanda de Industria que tome medidas para evitar abusos na inspección do gas como en Lalín

Luís Bará
Luís Bará

A distribuidora Nedgia tiña que ter rectificado de inmediato o aviso enviado a 146 usuari@s para un control de contadores que non procedía

O deputado por Pontevedra Luís Bará reclamou no Parlamento á Consellería de Industria que redobre os controis sobre as inspeccións dos contadores de gas para evitar abusos ou malas prácticas, despois de que en Lalín 146 usuarios e usuarias recibisen unha carta da empresa distribuidora Nedgia comunicando controis que non correspondía efectuar até o ano 2020.

“Estamos falando dun importe de 57 euros por persoa afectada, unha cantidade importante para as afogadas economías familiares, que sumarían un total de 8.300 euros só no concello de Lalín”, indicou Bará, quen considera que a empresa tardou en recoñecer e en comunicar o erro aos usuarios e usuarias, limitándose nun primeiro momento a facer declaracións a través da prensa.

“O que correspondía era enviar un escrito personalizado de rectificación a cada un dos 146 afectados aos que previamente se lle comunicara unha inspección que non procedía”, alegou.

E non correspondía, indicou o deputado, porque o cambio de gas propano a gas cidade levouse a cabo no concello en 2015 e as inspeccións son obrigatorias cada cinco anos. “O BNG de Lalín fixo unha denuncia pública e por parte da empresa admitiuse o erro, pero esa explicación debe darse  tamén por escrito e individualizada a cada cliente corrixindo a comunicación anterior”, insistiu Bará.

Finalmente, segundo informou o PP na comisión parlamentaria, a empresa fixo esa rectificación por escrito, “o que non exclúe a obriga da Consellería de Industria de actuar, mesmo abrindo un expediente informativo á distribuidora, para evitar que este tipo de cuestións que xeran alarma e preocupación social volva repetirse, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG