A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a proposta do BNG en materia de financiamento que pasa por darlle a Galiza “a chave dos seus cartos”, o que permitiría ter máis recursos para garantir o benestar dos galegos e das galegas.
Así o fixo logo de participar na reunión da Comisión parlamentaria non permanente de estudo para abordar o financiamento autonómico que, recordou, foi constituída en 2021 e que acumula polo tanto unha parálise de cinco anos para abordar un tema tan importante para o País como é un sistema de financiamento, que leva ademais caducado desde 2014. “Os pasos que leva dado o Partido Popular demostran o pouco que lle interesa un novo sistema de financiamento para Galiza”, resumiu.
Pontón considerou que o grave é que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “non ten ningunha proposta que permita que Galiza gañe”. Ao contrario, reprochou, “está defendendo que Galiza perda” ao avogar por que Madrid siga decidindo polos recursos galegos.
“Desde o BNG queremos o contrario, que Galiza gañe, que teñamos a chave dos nosos cartos porque isto nos permitiría ter máis recursos para poder financiar a sanidade, a educación ou as políticas de vivenda”, recalcou, para subliñar a continuación que o grave é ter a un presidente que non defende o País porque “está subordinado aos intereses do Partido Popular desde Madrid”.
“Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde, isto é o que está pasando co sistema de financiamento”, sintetizou, logo de preguntar “en que cabeza cabe” que o presidente da Xunta e negue a negociar bilateralmente o financiamento do País. “Como é posible que desde o Goberno do Estado lle reclamen á Xunta que poña sobre a mesa a súa proposta de financiamento e a Xunta non vaia única e exclusivamente porque así llo manda o PP desde Madrid?”, afondou.
A líder nacionalista criticou ao Executivo de Rueda que insista na idea de que Galiza é pobre, unha estratexia que o único que fai é debilitar a súa capacidade de negociación fronte ao Goberno central, cuxa proposta de financiamento considerou inaceptable.
“Xa o dixemos no seu momento, a proposta que puxo o Goberno central sobre a mesa non nos vale porque é unha proposta inxusta, discriminatoria e que fai que Galiza perda aínda máis do que está perdendo neste momento”, explicou sobre unha alternativa que “o BNG non avala”.
Mais tampouco vale, advertiu, a proposta do PP que significa que Madrid decida sobre Galiza. “Nós cremos que os galegos e as galegas temos dereito a ter a chave dos nosos cartos, igual que teñen os vascos e igual que teñen os navarros, cun sistema que lles está permitindo mellorar o seu benestar e ter máis recursos”, argumentou para defender un concerto económico como o que xa teñen Euskadi e Navarra.
“A pregunta é por que Rueda non defende isto para Galiza? Por que Rueda pon os intereses do PP por diante dos intereses de Galiza?”, cuestionou, logo de indicar que “é unha cuestión de sentido común” recadar os recursos que se xeran no país, calcular canto custa a prestación de servizos por parte do Estado e ter máis financiamento para a sanidade, a educación a dependencia ou as políticas de vivenda, que son as que xeran benestar e as que deberían estar no centro do debate.
Neste sentido, e a preguntas dos medios, preguntouse por que o Partido Socialista en Euskadi defende o concerto económico e por que o PP non cuestiona tampouco ese concerto económico e, sen embargo, “en Galiza parece que isto é unha especie de anatema”.
“O que deberán responder os partidos de ámbito estatal é por que queren discriminar a Galiza e por que non aceptan un principio básico e de sentido común e que teñamos aquí a chave dos nosos cartos, porque isto vainos a permitir ter máis recursos”, reclamou.
A líder do BNG recordou que o Estado recada en Galiza máis do que inviste, 5.000 millóns de euros máis dos que transfire a través do sistema de financiamento, polo que aínda calculando o custe dos servizos que o Estado presta neste país, “a marxe de mellora do sistema de financiamento é evidente”. “Pensemos que o goberno vasco paga polo cupo menos de 1.000 millóns de euros, polo tanto, en Galiza, cun territorio e unha poboación similares, o custe tería que ser moi parecido”, afondou.
Polo tanto, o debate que hai que dar é “se queremos ter a chave dos nosos cartos ou non”, alegou Pontón, quen avanzou que o Bloque traballará con seriedade e rigor na comisión parlamentaria non permanente de estudo para abordar o financiamento autonómico.
“O que non é presentable é que o presidente da Xunta, cando o Goberno central o chama para negociar o sistema de financiamento non acuda ou que estea boicoteando unha condonación da débeda pública deste País para reducila no 33%”, incidiu.
Por iso, a portavoz nacional considerou unha “barbaridade” que a Xunta estea “absolutamente atada de pés e mans” pola estratexia do PP en Madrid, o que fai que Galiza perda. “E nós queremos que Galiza gañe, que empece a gañar, e, polo tanto, toda a vontade de traballar nesta dirección”, concluíu.