BNG denuncia a aposta de PP e PSOE por aumentar o gasto militar no canto de priorizar o investimento social

Néstor Rego
Néstor Rego

“O naif é pensar que armarse até os dentes serve á disuasión cando o que fai é alimentar a maquinaria de guerra e a industria que a sustenta” sinala Rego

O deputado do BNG alerta que “cada céntimo que vai a armamento é un céntimo que se detrae de protección social e de mellora dos servizos públicos”

A iniciativa do BNG para reclamar ao Goberno do Estado priorizar o investimento social, frente á corrida armamentista e ao aumento do gasto militar que se está a realizar, contou co veto de PP e PSOE no pleno do Congreso. O deputado do BNG, Néstor Rego, lamenta a aposta das formacións estatais por seguir aumentando o gasto militar, mesmo reducindo as axudas a sectores estratéxicos, sacrificando as políticas sociais.

“Propomos a esta cámara e ás forzas políticas que a compoñen cales son e cales deben ser as prioridades” enfatizaba o deputado do BNG no Congreso durante a defensa da iniciativa nacionalista. Unha escolla, remarca Rego, entre a guerra e a paz porque “cada céntimo que vai a armamento é un céntimo que se detrae de protección social e de mellora dos servizos públicos” sendo este Goberno do Estado o que, con diferenza, “máis ten incrementado o orzamento en gasto militar”.

Segundo sinala o deputado nacionalista, “quen quere paz non se prepara para a guerra” en alusión ao uso do Goberno do Estado do lema “non á guerra” mentres que supera 2% do PIB en gasto militar hipotecando o futuro dos vindeiros lustros e sacrificando as políticas sociais.

“Como é imprescindíbel escoller, o BNG escolle tractores antes que tanques; pesqueiros antes que cazas; educación, sanidade, atención á dependencia, vivenda, emprego ou pensións antes que bombas, mísiles, drones ou helicópteros de combate” afirma con contundencia Néstor Rego.

O único punto da iniciativa do BNG aprobado foi “rexeitar as guerras e agresións imperialistas e apostar pola vía do diálogo e a negociación para a paz para propiciar un novo contexto de estabilidade e relacións de boa veciñanza en Europa e no mundo”.

A moción do BNG vetada por PP e PSOE: “escollen corrida armamentista”

Após a votación realizada no pleno do Congreso, o deputado do BNG denuncia o voto en contra de PP e PSOE aos puntos resolutivos da moción nacionalista. “Os sectores pro militaristas acúsannos de inxenuidade e de ter unha posición naif. O naif é pensar que armarse até os dentes serve á disuasión cando o que fai é alimentar a maquinaria de guerra e a industria que a sustenta, especialmente a norteamericana” critica Rego.

Entre os puntos vetados por PP e PSOE, o BNG demandaba reverter todas as decisións que implicaron o incremento do gasto militar e renunciar a calquera nova ampliación, destinando eses recursos a políticas sociais e o reforzamento dos servizos públicos.

Así mesmo, Néstor Rego defendeu a necesidade de denunciar os acordos que permiten o uso das bases militares de Morón e Rota polo exércitos dos Estados Unidos e prohibir a presenza norteamericana en territorio do Estado español, “renunciando á participación do Estado español na OTAN, abandonando a alianza e reclamando a súa disolución”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG