A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, reclamou hoxe na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento á Xunta que paralice calquera concurso para a explotación da mina de San Finx, en Lousame, ata que se execute unha restauración ambiental integral do espazo. Pérez cualificou a situación actual como “unha ameaza permanente para a seguridade das persoas, os ecosistemas fluviais e a pesca e o marisqueo da ría de Muros e Noia”.
A deputada nacionalista lembrou que a Xunta acordou a caducidade das concesións no ano 2025, pero denunciou que “non se teñen cumprido as obrigas legais por parte da concesionaria, moi especialmente a referida á restauración ambiental”. Neste senso, sinalou a acumulación de “inmensos pasivos ambientais”, entre eles escombreiras, galerías abandonadas, verteduras continuadas de augas contaminadas e dúas presas de residuos mineiros “en estado de abandono e cun risco ambiental acreditado” por informes oficiais de 2017.
Pérez repasou a “nefasta xestión histórica” da mina, con máis de vinte concesións vixentes ata 2066 pero cun longo período de inactividade entre 1990 e 2009, e denunciou que durante case 20 anos non se cumpriron os plans de labores nin se restaurou o espazo afectado. Ademais, criticou que a Xunta aprobase en decembro de 2009 os proxectos de explotación e restauración sen que a empresa presentase nunca o preceptivo estudo de impacto ambiental.
A deputada nacionalista tamén se referiu á autorización de verteduras outorgada en 2023 á empresa Tungsten San Finx, que foi despois revogada tras comprobar Augas de Galiza verteduras non autorizadas con altas concentracións de cadmio, cobre e zinc. “Sanción de 180.000 euros e sentenza xudicial que confirmaba a denuncia de Ecoloxistas en Acción”, subliñou.
"Señorías, non pode haber unha nova concesión se antes non se garante que todas estas irregularidades non volvan producirse. A Xunta ten que responder preguntas claras: quen asume os custos da restauración ambiental? Cal é o estado das balsas de lodos e como se van estabilizar ou eliminar? Que influencia teñen os vertidos na calidade das augas da ría de Muros e Noia? E, sobre todo, fixeron ou van facer, antes de sacar a concurso a explotación, algún estudo de riscos ambientais, sociais e económicos para a ría e para o marisqueo?", cuestionou a deputada nacionalista.
Finalmente, a deputada do BNG replicou as afirmacións do Goberno de Rueda sobre a minería como motor de emprego e advertiu: “Na comarca de Muros e Noia, a única gran empresa é a ría, que dá de comer a miles de persoas. Vai a mina de San Finx cubrir ese emprego se desaparece a ría?”.