A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto público de presentación de Rubén Arroxo como candidato do BNG á Alcaldía de Lugo nas eleccións municipais de maio de 2027, convencida de que nesa cita coas urnas a cidade vai abrir un tempo novo, “de optimismo e de ambición”, da man do BNG con Rubén Arroxo como alcalde.
“Permitídeme que vós faga un prognostico con total convencemento: Dentro de once meses e trece días, Lugo fará historia, Lugo demostrará a súa dignidade apostando por un goberno liderado polo BNG con Rubén Arroxo como alcalde”, arrancou Pontón a súa intervención.
A portavoz nacional alegou que o BNG está preparado para gobernar esta cidade, porque ten un tándem gañador: un candidato preparado e con liderado e un proxecto de futuro. “Temos ao mellor candidato e temos o mellor proxecto para construír un Lugo en grande, e por iso imos a por todas, con humildade, pero tamén coa máxima ambición, a facer historia cun alcalde do BNG para abrir un tempo novo neste concello”, destacou.
Pontón tamén puxo o foco noutro dos grandes valores que o BNG aportou á cidade: estabilidade e rigor. “A estabilidade, seriedade e rigor que o Bloque aportou demostrando algo que en política é moi importante: un compromiso claro e rotundo con Lugo”, recalcou, en contraposición co feito por outras forzas políticas.
“Nesta cidade houbo quen se presentou e ao cabo duns meses deu a espantada para Santiago, deixando un caos no seu partido que acabou como acabou”, indicou, “e agora hai unha alcaldesa que chegou como chegou e só quere usar Lugo para a súa ambición política persoal, a que lle dá igual Lugo que Mondoñedo, porque o único que lle preocupa é a súa carreira política”.
Fronte a esa forma de actuar, os veciños e veciñas teñen en Rubén Arroxo a unha persoa “que non quere servirse de Lugo, senón que quere servir a Lugo e isto marca a diferencia e por iso Rubén é o alcalde que precisa este concello”, proclamou Pontón, “máis preparado que nunca para liderar unha cidade que coñece como a palma da man, que ten na súa cabeza e no seu corazón e ademais con algo que os demais non teñen: o seu único compromiso está con Lugo”.
A líder nacionalista puxo en valor esa “combinación gañadora” que presenta o Bloque, baseada no seu modelo municipal de éxito e na solvencia e rigor de Arroxo, do que destacou o seu talante dialogante e o seu profundo coñecemento da cidade, ademais de ter demostrado do que era capaz ao longo destes anos.
Neste sentido, eloxiou o resultado das políticas do BNG desde o goberno que, grazas ao traballo de Arroxo e do seu equipo, impulsou un concello máis humano e seguro, poñendo as persoas no centro. Deixa unha cidade máis cohesionada, cun comercio de proximidade vivo, unha transformación da mobilidade urbana baseada na humanización dos espazos públicos e unha rica e variada actividade cultural.
“O BNG foi o auténtico motor de avance e transformación de Lugo e agora estamos preparadas para liderar esta cidade, con forzas renovadas cando dentro dun ano se celebren as eleccións municipais”, remarcou. Pontón subliñou que o Bloque representa o cambio real, a verdadeira alternativa para todas as persoas que queren construír un Lugo en grande e que miran para o BNG “con ilusión e con esperanza”.
“Quero dicirlle a todas esas persoas, a esa maioría social, que non lles imos fallar, que temos un proxecto claro para construír un Lugo mellor no económico, no social e no cultural”, subliñou a portavoz nacional.
Reivindicou a política limpa do Bloque, a política honesta pensada para o ben común. “Somos a alternativa desa maioría que pensa que outro Lugo e outra Galiza son posibles e mira cara ao BNG con esperanza; non os imos defraudar, imos estar á súa altura para construír ese Lugo en grande que a veciñanza quere e merece”, resumiu.
Un Lugo en grande, explicou, significa mellores servizos públicos, un urbanismo para as persoas, inclusión e benestar social e, en definitiva, vitalidade económica, social e cultural. “Esta cidade precisa un alcalde que a defenda por riba de calquera interese partidista, subliñou, e ese alcalde é Rubén Arroxo, que non ve na Alcaldía unha carreira persoal senón un medio para traballar polo concello e pola defensa do ben común”, destacou Pontón.
“No BNG temos claro o camiño: queremos un Lugo en grande e sabemos que, co liderado de Rubén Arroxo, co modelo municipal de éxito do BNG e coa forza da cidadanía, imos conseguilo”, concluíu.