O BNG toma a iniciativa para acabar coa parálise de Ourense: moción de censura e permitir que goberne a lista máis votada

Ourense
Ourense

Pontón empraza a Feixóo a ser parte da solución a unha situación “letal” tras o pacto PP-DO no que puxo os intereses partidistas por riba da cidade

Salienta que a parálise de Ourense empezou co goberno municipal do PP incapaz de aprobar nin un só orzamento para a cidade en catro anos

O BNG toma a iniciativa para acabar coa parálise de Ourense: moción de censura e permitir que goberne a lista máis votada

Ourense está sumida na parálise cun rexedor “letal” pero votado e apoiado até agora polo PP e urxe un cambio de rumbo. Tomando de novo a iniciativa, o BNG pon encima da mesa unha solución: moción de censura contra Jácome e abrir a porta a que goberne a lista máis votada, como tería sucedido se o PP de Feixóo non tivese posto os intereses partidistas por riba dos da cidade nun pacto “de mero intercambio de cromos”.

“Hai que facer algo xa, non se pode seguir como se nada pasara, sobre todo porque estamos nunha crise no medio dunha pandemia e require que esta cidade teña un goberno que colla as rendas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro en Ourense co grupo municipal nacionalista e outros responsables políticos do BNG na cidade.

Ante a imposibilidade de convocar novas eleccións, alegou, a proposta do Bloque pasa por unha moción de censura, tendo en conta que é perfectamente viable como quedou demostrado en pleno municipal no que, -en base a unha iniciativa do BNG-, 24 concelleiros e concelleiras dos 27 que integran a corporación votaron a favor da dimisión do alcalde de DO.

“Só hai que facer efectiva esa dimisión a través dunha moción de censura que lle permita a cidade volver a posición de saída e permitir que goberne a lista máis votada porque é a solución máis acaída para, nun momento excepcional,  desbloquear unha situación que non pode prorrogarse máis, pois quen paga a incompetencia, as liortas e os pactos escuros do PP son os veciños e as veciñas de Ourense. No medio dunha pandemia e da crise económica e social a cidade merece un goberno que enderece a situación”, argumentou Pontón.

A líder nacionalista empraza a Feixóo para desbloquear a situación “porque está na súa man para que a solución que propoñemos se poida efectivizar xa que é a única viable é posible para sacar a cidade da parálise”. Unha parálise, indicou, que non empezou coa chegada de Jácome á Alcaldía senón que viña de catro anos de goberno municipal do PP  nos que foi incapaz de sacar adiante nin un só proxecto de orzamentos.

 “Catro anos e cero orzamentos, e tras ese balance Feixóo decidiu dar un paso máis, decidiu pisar o acelerador e darlle o bastón de mando á unha persoa que el mesmo definiu como letal, palabras proféticas. Esa é a gran aportación do presidente da Xunta con Ourense: incompetencia, parálise e traizón premeditada porque sabía o que facía cando deu a Alcaldía a DO poñendo os intereses partidista por riba dos da cidade, cun intercambio de cromos para fortalecer ao PP”, criticou.

Responsabilidade con Ourense

“Se fomos capaces de poñernos dacordo para pedir a dimisión e Jácome temos que ser capaces de poñernos dacordo para desaloxalo da Alcaldía canto antes, somos os primeiros en asinar e por iso tomamos a iniciativa aínda que lle correspondería a outros. Facémolo por responsabilidade coa cidade e de forma inminente”, indicou o portavoz municipal, Luís Seara.

Seara explica que a moción permitiría volver ao punto de saída para que goberne a lista máis votada, “que era o que tería sucedido senón se producise un pacto vergoñento do PP con DO tan simple coma iso. Agora urxe poñerlle fin a un goberno en descomposición”.

Pontón deixou claro que o PP “é parte do problema” pero non pode seguir mirando para outro lado e por iso debe apoiar a moción de censura: “o que non pode ser é que un PP responsable da parálise da cidade durante non dous senón catro anos pretenda agora lavarse as mans como se nada pasara e por riba pretender gobernar”.

Ademais, subliñou, “Feixóo é responsable directo porque avalou esta situación pese a dicir que Jácome sería letal, por iso ten que dar un paso a fronte, porque desde logo non pode borrar a Ourense do mapa como se a cidade e os seus veciños e veciñas non existiran, como senón estiveran sufrindo unha pandemia. Até agora o PP foi parte do problema, o que lle pedimos a Feixóo é que empecen a ser parte da solución poñendo por riba dos seus intereses partidistas os da cidade de Ourense”, concluíu.

9.000 hectáreas queimadas na provincia

A portavoz nacional tamén se referiu ao “balance desastroso” da onda de incendios que arrasou máis de 9.000 hectáreas na provincia estes días, “reflexo do fracaso da política do Goberno na loita contra os incendios e na preservación do territorio, porque vemos que ano a ano o país arde sen que se tomen medidas eficaces para impedilo”.

Trasladou todo o apoio do BNG aos traballadores e traballadoras das brigadas de extinción que están facendo un labor extraordinario para conter os lumes, e á veciñanza destes municipios, que viviron horas de tensión e de angustia ante o que supón a acción devastadora dos incendios.

Lamentou que o PP impedise a comparecencia do conselleiro de Medio Rural en pleno ou que o presidente da Xunta aínda no visitase a zona afectada. “O que resulta evidente é que non se combate o lume coas mesmas receitas fracasadas de sempre, hai que dar un xiro de 180º na loita contra os incendios e na preservación do territorio, e facer da prevención os 365 días do ano unha marca de identidade”, salientou Pontón.

 

O BNG toma a iniciativa para acabar coa parálise de Ourense: moción de censura e permitir que goberne a lista máis votada