BNG esixe a dimisión da alcaldesa de Oímbra e da ex xerente de Seaga por neglixencia grave na orixe do incendio de agosto

Secundino Fernández
Secundino Fernández

Secundino Fernández pide aclarar se foi a Xunta ou a alcaldesa quen deu a orde de seguir rozando cando estaba taxativamente prohibido pola climatoloxía

“Parece que quere insultar a intelixencia da veciñanza da comarca de Verín”, afeou ao PP pedíndolles asumir responsabilidades de inmediato 

O responsable de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, esixiu no Parlamento responsabilidades polo lume do pasado 12 de agosto que arrasou  29.000 hectáreas —24.000 en Galiza e 5.000 en Portugal. O BNG reclamou en concreto a dimisión da alcaldesa, Ana María Vilarino, do Partido Popular e da exerente do Seaga e actual directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luísa Piñeiro. Denuncia “neglixencia grave” ao realizarse labores de roza cunha máquina contratada por empresa pública dependente da Consellería de Medio Rural cando estaban prohibidos por risco extremo de incendios eses días.

Segundo o informe ao que aludiu Fernández na Comisión 7ª, o lume iniciouse nunha pista municipal do concello como consecuencia das chispas provocadas pola maquinaria que estaba a traballar nese camiño.  Lembrou que o operario que manexaba a máquina estivo detido preto de un mes e que actualmente está á espera de xuízo. 

O incendio, de proporcións “catastróficas”, estivo ademais a piques de rematar coa vida de tres mozos membros das brigadas municipais de loita contra o lume, a quen quixo recoñecerlles o grande labor desempeñado, que estendeu a todas as brigadas que loitaron contra o segundo incendio máis grande da historia do noso País.

É por iso que o deputado nacionalista lle preguntou ao director xeral de de Defensa do Monte, Francisco Gutiérrez,“que facía unha máquina contratada por Seaga, dependente da Xunta de Galiza, rozando nunha estrada de titularidade do Concello de Oímbra cando estaba totalmente prohibido pola propia Xunta facer labores de roza ou maquinaria polo risco extremo de incendio?”, preguntou.

Fernández incidiu en que este “fatídico día” a Xunta tiña prohibido expresamente calquera tipo de actividade con maquinaria que puidese xerar chispas, mais a máquina contratada por Seaga estaba en funcionamento rozando unha estrada de titularidade municipal.

Tamén quixo saber para quen traballaba a empresa propietaria da máquina no momento do incendio e por que Seaga non impediu que traballase cando as condicións de risco estaban declaradas.  Así mesmo preguntou pola persoa que deu as ordes de traballo ao operario para que continuase facendo os labores de roza.

O responsable de Medio Rural do BNG considerou que quedan moitas preguntas por responder, e por iso pediu explicacións sobre se foi a propia Consellería do Medio Rural quen deu instrucións á alcaldesa de Oímbra para que se rozase esa pista de titularidade municipal nunha data e condicións prohibidas. “Deu instrucións a alcaldesa de Oímbra para que se rozase nesa pista de titularidade municipal nun momento no que estaba taxativamente prohibido?” incidiu.

Tamén lle preguntou ao director xeral se considera que debe haber dimisións pola neglixente actuación que provocou o incendio de Oímbra. Así mesmo, preguntoulle se tiña coñecemento da causa que orixinou o lume.

Ante a falta de respostas do director xeral que ademais presumía de rapidez á hora de actuar sobre o lume,  Fernández replicoulle que “chegou antes a Garda Civil que os servizos de incendios. Acusou o responsable da Xunta de dar só “datos vacuos”

“Parece que quere insultar a intelixencia da veciñanza da comarca de Verín. Estamos aquí para reclamarlles responsabilidades políticas e vostedes teñen que asumila”, proclamou.

Na réplica, o deputado do BNG volveu cargar as tintas sobre a responsabilidade da alcaldesa na traxedia pola que tres mozos acabaron hospitalizados, mentres amosaba fotografías do coche queimado no que se desprazaron cara a zona do incendio, así como da máquina que estaba traballando o día que estaba prohibido, e onde se ve claramente o logotipo de Seaga.

“Exiximos a dimisión da alcaldesa e se depuren responsabilidades e que se chegue ao final. Non se pode por toda a responsabilidade nun traballador que estaba limpando unha pista de titularidade municipal e que recibiu ordes para seguir facendo ese traballo”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG