Os grupos parlamentarios BNG, ERC e EH Bildu rexistraron no Congreso unha Proposición Non de Lei en resposta á preocupante escalada de ameazas, presións e actuacións unilaterais anunciadas polo Goberno dos Estados Unidos contra a República Bolivariana de Venezuela. Segundo recolle a iniciativa, estas accións supoñen unha vulneración de principios esenciais do Dereito Internacional, así como da soberanía dos pobos e da estabilidade rexional no Caribe.
Ante esta situación, as tres formacións impulsan unha proposta parlamentaria que procura un posicionamento claro do Estado español en defensa da legalidade internacional e da resolución pacífica dos conflitos.
Por unha banda, buscan que o Goberno do Estado reafirme o seu compromiso coa igualdade soberana dos pobos, tal e como estabelece a Carta das Nacións Unidas, e actúe en coherencia aos devanditos principios no ámbito internacional.
Así mesmo, a iniciativa contempla que o Executivo rexeite a escalada de ameazas e presións unilaterais anunciada polo goberno dos Estados Unidos cara a Venezuela, Colombia e outros países da rexión, que constitúe unha inxerencia contraria ao dereito internacional vixente.
“O Goberno do Estado debe dirixirse ao Goberno dos Estados Unidos, aos organismos internacionais dos que España forma parte e ao conxunto da Comunidade Internacional para exixir a fin de calquera actuación ilícita que vulnere a soberanía nacional doutros Estados e que contraveña a legalidade internacional” recolle o texto.
Con esta iniciativa, BNG, ERC e EH Bildu subliñan a necesidade de que o Congreso e o Goberno español adopten un papel activo na defensa da paz, a soberanía e o respecto ao Dereito Internacional, rexeitando calquera forma de ameaza ou imposición que poida poñer en risco a estabilidade da rexión.