Comunicado da Executiva Nacional en relación á escalada de agresións de EEUU sobre Venezuela

Venezuela
Venezuela

A Executiva do Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresa o seu  rexeitamento á continua  escalada de agresións do goberno dos Estados Unidos, liderado por Donald Trump, contra a República Bolivariana de Venezuela, que acaba de culminar coa declaración ilegal e unilateral do peche do seu espazo aéreo.

O BNG denuncia que esta medida, anunciada sen ningún aval xurídico, supón unha interferencia ilícita sen precedentes. Pretende usurpar ás autoridades lexítimas aeronáuticas, tanto venezolana (INAC),  como da Organización de Aviación Civil Internacional (OACI) .

Con esta actuación o goberno dos Estados Unidos pon en perigo a seguridade da aviación civil na rexión e actúa como unha potencia colonial, ditando normas sobre un territorio alleo. Constitúe unha violación flagrante da soberanía nacional venezolana, do Dereito Internacional e dos principios da Carta das Nacións Unidas. Representa un paso máis no crecente desprezo polas normas internacionais que caracteriza o imperialismo estadounidense.

Esta última acción non é un feito illado, senón que representa a continuación, agora por medios militares, da política de inxerencia, de bloqueo e de desestabilización e agresión colonialista do imperialismo  desde hai 25 anos co obxectivo de  derrotar o proceso bolivariano, substituír ao actual goberno  por un afín, no obxectivo final de acadar o control  das inmensas reservas de petróleo de Venezuela.

Este bloqueo arbitrario limita a posibilidade de voos de repatriación de cidadáns venezolanos desde os Estados Unidos, o abandono de miles de persoas que non poden saír nin entrar en Venezuela, entre elas galegas e do Estado español.  Pretenden fomentar a imaxe de caos e illamento, nunha guerra psicolóxica contra o pobo e o goberno venezolanos, con consecuencias  imprevisíbeis para a paz, a seguridade e a estabilidade no Caribe e América Latina.

Por todo isto a Executiva Nacional do BNG:

  • Reafirma a  defensa do dereito de autodeterminación e soberanía dos pobos recollidos nos principios fundamentais do Dereito Internacional recollidos na Carta Das Nacións Unidas
  • Manifesta todo o apoio e  solidariedade  á loita do pobo venezolano en defensa da súa patria e ao seu dereito a construír o seu propio camiño en paz e liberdade  sen inxerencias externas, así como a dos outros pobos do Caribe e América Latina a prol da soberanía, a independencia e a paz.
  • Rexeita  a continua  escalada de agresións do goberno dos Estados Unidos cara a República Bolivariana de Venezuela e esiximos o fin da mesma.
  • Solicítalle á comunidade internacional, e moi especialmente á Xunta de Galiza,  ao Goberno español e a Unión Europea, que rematen co seu silencio cómplice e se pronuncien con claridade contra esta violación da soberanía, especialmente da República Bolivariana de Venezuela, mais tamén dos países do Caribe, e que esixan o restablecemento da legalidade internacional.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG