A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Santiago a campaña ‘Mellor Local, Mellor galego’ que desenvolve o BNG co obxectivo de animar á cidadanía a mercar produtos galegos en establecementos de proximidade, nun acto no que explicou algunhas das propostas que defende a organización nacionalista para apoiar o comercio local.
A comezar, afondou Pontón, por impulsar unha nova Lei de Comercio que protexa e ampare o comercio local e por aplicar unha moratoria na instalación de grandes superficies, dado que Galiza está saturada de macrocentros que afogan as posibilidades do comercio de proximidade.
“O que temos é que encher de vida as nosas cidades e as nosas vilas e para iso, é necesario que haxa un maior apoio ao comercio local”, remarcou durante a presentación da campaña xunto á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nun acto desenvolvido nunha céntrica mercería compostelá.
A líder nacionalista recalcou o apoio que presta ao sector o BNG nos concellos onde ten responsabilidades de goberno porque o comercio local “enche de vida e de dinamismo” vilas e cidades e permite, ademais, abrir “canles de comercialización para moitas das producións que nas grandes superficies lles vai ser moi difícil”.
Neste sentido, avogou por que a Xunta dea o mesmo exemplo “cunha compra responsable e tamén apoiando esa compra no comercio local” e avanzou que o Bloque vai emendar os Orzamentos 2026 para incrementar en 20 millóns de euros o apoio ao tecido comercial de proximidade que, advertiu, se atopa nunha “situación delicada”.
A portavoz nacional recordou que detrás de cada mostrador “hai unha persoa que ama e coñece o seu oficio” e que “vai ofrecer unha atención que noutro tipo de espazos” nunca se vai recibir. “Precisamente nestas datas de Nadal, pero non só nestas datas, nós queremos animar a todos os galegos e galegas a que fagamos as nosas compras no comercio local porque, ademais, é unha forma de apoiar tamén a produción que facemos en Galiza e de apoiar ás persoas autónomas”, afondou.
Autónomos e autónomas, alegou, que son “unha parte fundamental do tecido económico” xa que “dan soporte a moito emprego e a moitos pequenos e medianos negocios”.
Neste contexto, apelou á necesidade de desenvolver “unha regulación moito máis axeitada” e que atenda mellor as súas especificidades para garantir máis dereitos, máis protección social e menos burocracia dunhas persoas que, despois dunha dura vida de traballo, chegan a atoparse con que “a contía das súas pensións é moi baixa” ou que a protección social que teñen “non é a que deberían”.
“En definitiva, apostamos nestas datas non só do Nadal, senón nos 365 días do ano, por defender que comprar no comercio local é tamén un acto de compromiso co País, de compromiso cun modelo máis sostible e equilibrado”, sintetizou para rematar a continuación salientando a gran diversidade que se pode atopar nos establecementos de proximidade a uns prezos, ademais, moi competitivos.
Rueda ten que escoitar á cidadanía e desbotar Altri dunha vez por todas
Por outro lado, Pontón aproveitou a súa comparecencia ante os medios para reclamarlle ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que escoite os miles de galegos e galegas que onte saíron á rúa en Santiago “nunha marea de amor o País e de dignidade” para berrar “Altri non, Galiza, si”.
“O PP só acerta con Galiza cando rectifica”, apuntou, emprazando neste punto o presidente do Executivo a “deixar de facer de comercial de Altri”, a abandonar a “súa soberbia” e, na vez de atacalas, atender as voces que defenden o futuro do País “fronte á hipoteca que suporía instalar unha macrocelulosa no corazón do rural de Galiza”.
“Rueda ten que deixar de facer de comercial dunha empresa portuguesa que ven a Galiza porque en Portugal non queren xa este tipo de proxectos”, engadiu a portavoz nacional, esixíndolle o Goberno do PP que desbote dunha vez o proxecto da pasteira Altri, que é “unha hipoteca non só para a comarca de Ulloa senón tamén para a ría de Arousa” e que pon en risco máis de 20.000 postos de traballo. “Galiza precisa industrias do século XXI e non o franquismo industrial das celulosas, que é o que nos está ofrecendo o PP”, concluíu.