Mellor local. Mellor galego.

Deseño sen nome(2)

Na Galiza contamos cun tecido produtivo único. Unha combinación de terra, mar e saber facer que nos permite ofrecer alimentos e produtos de calidade extraordinaria. Porén, a política da Xunta de Galiza, gobernada polo PP, continúa apostando por un modelo de consumo que favorece as grandes superficies e o capital transnacional, mentres deixa cada vez máis desprotexidos o sector primario, a industria de transformación e o comercio de proximidade.

O modelo do PP empobrece o país: espreme as persoas autónomas, limita o futuro dos pequenos negocios e mesmo condiciona os nosos hábitos de vida cara formas de lecer e consumo cada vez máis deshumanizadas, ecoloxicamente insustentábeis e dependentes de grandes plataformas e corporacións.

UN MODELO COMERCIAL PARA GALIZA

A aposta polo consumo de produtos galegos e polo comercio de proximidade debe ser o camiño. Non é só unha cuestión económica: é cohesión social, equilibrio territorial e defensa do noso futuro produtivo. Cun apoio decidido ao comercio local, Galiza pode xerar emprego digno, dinamizar a vida económica e social e garantir que a riqueza producida aquí, fique aquí.

O BNG defende un marco comercial que protexa as pequenas tendas, que garanta condicións xustas para as persoas autónomas e que revitalice os mercados locais e as zonas comerciais tradicionais. Apostamos por un país que produza, transforme e venda o seu, sen depender das imposicións das grandes cadeas nin das plataformas dixitais que impoñen prezos e condicións.

Por iso, desde o BNG apostamos por:

  • Unha nova lei do Comercio local, que regule horarios e rebaixas, aposte na protección e promoción do comercio de proximidade e permita desenvolver un plan de ordenación comercial.
  • Promover o consumo de produtos locais e galegos (a comezar pola súa inclusión nos comedores públicos dependentes da Xunta de Galiza), incentivando a etiquetaxe en lingua galega.
  • Frear as grandes superficies comerciais cunha moratoria que impida a instalación de máis macrocentros, que só benefician os intereses do grande capital transnacional e desertizan o comercio de proximidade.
  • Recuperar e revitalizar os mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais (feiras etc).
  • Fomentar a produción alternativa e ecolóxica e o seu consumo, como unha opción máis saúdabel, sustentábel e que permite unha economía circular.
  • Impulsar unha marca galega de calidade e identificación da orixe para produtos hortícolas, pesqueiros e marisqueiros.
  • Garantir prezos xustos para quen produce, de maneira especial no leite, na horta e no mar.
  • Regular os horarios comerciais para favorecer un modelo sustentábel e con condicións laborais dignas.
  • Despregar liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade e promover alternativas galegas de venda en liña.
  • Ofrecer axudas para a creación e mellora de establecementos que comercialicen produtos autóctonos.
  • Defender os dereitos das traballadoras e traballadores autónomos: cotizacións xustas segundo ingresos, formación, apoio ao relevo xeracional, liñas de crédito preferentes e axudas directas para modernizar instalacións e dixitalizar comercios.

DEFENSA E APOIO AO TRABALLO AUTÓNOMO

Desde o Bloque Nacionalista Galego defendemos unha economía autocentrada que estea ao servizo dos intereses do País e do pobo galego, que valore o que producimos, que respecte o traballo das nosas produtoras e produtores, e que poña no centro as persoas autónomas e as pequenas empresas.

As traballadoras e traballadores autónomos son unha peza esencial da economía galega, sostendo milleiros de pequenos negocios, talleres, comercios e iniciativas emprendedoras que dinamizan e xeran riqueza e emprego nas nosas cidades, concellos, vilas, barrios e parroquias. Por iso defendemos medidas que lles garantan estabilidade e condicións xustas: cotizacións adaptadas aos ingresos reais, menos burocracia, máis protección social, acceso a financiamento e apoio á dixitalización. Apoiar o traballo autónomo é fortalecer a economía local e o futuro da Galiza.

COMERCIO DE PROXIMIDADE: VIDA E FUTURO

Contar cun tecido comercial forte e enraizado no territorio, desde a proximidade do local, é esencial para o desenvolvemento do noso País. Por iso debemos actuar para impedir que siga avanzando o feche de estabelecementos comerciais que xogan un papel moi importante na actividade económica local e na revitalización dos concellos, que ofrecen servizos de calidade e confianza e crean emprego estábel. Garantir un comercio de proximidade con futuro pasa por mudar hábitos, apostar polo produto local, defender as persoas autónomas para, desta maneira, construírmos unha economía máis xusta e máis galega.

Desde o BNG temos claro que o comercio local non é o pasado: é o presente e o futuro dun país que quere decidir o seu destino. Apostar polo noso comercio é apostar por Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG