A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a Luís Seara como o alcalde capaz de transformar Ourense na gran cidade que pode ser e de deixar atrás a triste páxina de caos no que está instalada a cidade para mirar ao futuro con esperanza, ilusión e confianza.
“Luís Seara é o alcalde que necesita Ourense para recuperar o orgullo de cidade e poñer en marcha o enorme potencial que temos aquí para xerar máis calidade de vida, máis dinamismo económico e máis capacidade para xerar expectativas de futuro”, subliñou durante o acto de presentación de Seara como candidato do BNG á Alcaldía nas próximas eleccións municipais de 2027.
Pontón afirmou que o Bloque é a alternativa para abrir “un tempo novo” na cidade xa que ten un candidato cun liderado sólido e con experiencia, que leva Ourense na cabeza e no corazón e que sabe que a cidade “necesita cambiar para avanzar”, mais tamén un proxecto baseado na xestión municipal de éxito do BNG, que xa ten demostrado a súa capacidade de transformación en positivo en concellos de todo o País como Allariz.
“Con estes dous ingredientes, imos a por todas nas próximas eleccións municipais porque sabemos que Ourense necesita un cambio como auga de maio, que a alternativa é o BNG e que temos a convicción de que é posible transformar Ourense na gran cidade que pode ser”, remarcou.
A líder nacionalista sinalou a Seara como o alcalde capaz de demostrar que “a política non é ruído e caos, senón que é o que necesita a cidadanía para poder mellorar a súa vida, para ter espazos urbanos de máis calidade, para poñer en marcha proxectos económicos e xerar máis benestar”, tal e como leva demostrando desde a oposición que representa “a alternativa que Ourense necesita”.
“Polo tanto, desde o BNG presentámonos a por todas de cara ás municipais co obxectivo de que nesta cidade se produza un cambio político liderado por Luís Seara que deixe atrás o lío permanente, o caos e os conflitos e que abra unha nova etapa de seriedade e rigor, de proxecto de cidade, de tender a man e escoitar para construír Ourense entre todos e todas”, afondou.
Neste sentido, sinalou que só hai que falar coa veciñanza para darse conta de que a cidade “quere deixar atrás toda esta etapa de caos” e que hai “unha maioría social que está farta dese ruído e que quere unha alternativa sólida”.
“Quero dicirlle a todos e a todas as ourensás que este non é momento de baixar as mans, senón que é o momento de traballar con ilusión para que en maio do ano que vén nesta cidade se abra unha nova etapa da man do BNG que consiga enderezar o rumbo de Ourense”, apelou, para remarcar a continuación que o Bloque ten o proxecto necesario para “poñer a cidade a funcionar”.
Pontón subliñou que Ourense necesita un goberno que crea na cidade, que estea disposto a traballar polo ben común e que poña en marcha todo o “enorme potencial” que ten no económico, no social e no cultural.
“Neste momento sobra crispación, sobre desgoberno, sobra escándalo tras escándalo e o que necesita a cidade é un rumbo certo, que o concello funcione, que se cren oportunidades e que se coiden as necesidades das persoas e dos barrios”, incidiu, para recalcar que este é “o proxecto que encarna Luís Seara”.
A portavoz nacional incidiu en que Ourense necesita “un cambio de rumbo”, para o que o BNG ofrece un candidato sólido, fiable e rigoroso que cre e confía na cidade e que pode demostrar que “hai outra forma de gobernar”.
“Por iso, nas próximas eleccións municipais, imos a por todas, con toda a ilusión, con todas as ganas e con toda a convicción de que Ourense é mellor que o goberno que ten na actualidade e que Luís Seara é o alcalde que pode abrir un tempo novo para todos os veciños e veciñas”, concluíu.
Pola súa parte, Seara mostrou o seu orgullo por encabezar unha candidatura que ten por obxectivo “gobernar para cambiar a dinámica nociva e perniciosa” na que a cidade leva instalada tanto tempo. “Ourense precisa avanzar, precisa funcionar, non pode seguir secuestrada nas mans de catro amigos; merece futuro, non espectáculo; menos ruído e máis xestión e, para iso, só hai un camiño: cambiar para avanzar”, sintetizou.
Nesta liña, recordou que gobernar é facer que o concello funcione, crear oportunidades, coidar os barrios e as parroquias e escoitar á xente, para o que considerou preciso virar o rumbo. “Eu estou aquí para propoñer, para construír”, avanzou, logo de apostar por ese outro xeito de gobernar que propón o BNG, desde a seriedade, a responsabilidade e mirando ao futuro.
“Imos poñer Ourense a funcionar, imos construír o futuro que as veciñas e veciños merecen, pondo aos barrios e á xente no centro das políticas, recuperando os espazos públicos, apostando por aqueles elementos que nos singulariza e atraendo investimento”, avanzou dun proxecto que tamén ten por obxectivo que a mocidade poida quedar na súa cidade para desenvolver un proxecto de vida.
Para iso, avogou por aproveitar todo o gran potencial económico, turístico, patrimonial e cultural que ten a cidade para “ser máis”, pero que agora “está secuestrado por unha persoa que usa Ourense como o seu escenario persoal”, cando o que necesita é “boa xestión”.
Seara apelou neste punto a todas as persoas defraudadas e desafectas polo que está a pasar na cidade a que confíen nun BNG que está preparado para asumir desde o primeiro momento o goberno municipal. “Non quero ser alcalde para ocupar unha cadeira, quero ser o alcalde de todas e de todos para recuperar Ourense, para que avance, para que funcione, e para que a veciñanza recupere o orgullo e a autoestima de pertencer á terceira cidade de Galiza”, concluíu.