Ana Pontón: “O BNG defenderá no próximo pleno do Parlamento a proposición de lei da transferencia da AP-9 a Galiza”

Visita Bueu
Visita Bueu

Lamenta que Rueda se negue a dialogar sobre esta cuestión, amosando a súa incapacidade para defender os intereses dos galegos e das galegas

“Ante un PP da Xunta que non inviste no acondicionamento de Bueu, o BNG si que actúa dende o Concello ou a Deputación”, declarou na súa visita á localidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou Bueu para comprobar a aposta do concello por levar a cabo unha “mobilidade amable”, e as demandas en materia de mobilidade.

Pontón aproveitou a ocasión para lembrar un tema primordial para a xente da zona, para os galegos e as galegas e tamén para o BNG: a transferencia da AP-9 a Galiza. A líder do Bloque declarou que “a única boa nova en torno á AP-9 nestes anos foi a rebaixa histórica conseguida polo BNG” e preguntouse “por que o PP e o PSOE non defenden en Madrid o que aceptan en Galiza”.

Con respecto disto, a portavoz nacional declarou que, despois de terlle enviado unha carta ao Presidente da Xunta, “Rueda non está disposto a dialogar sobre esta cuestión coa líder da oposición”. “Isto só amosa o interese que existe no PP e no PSOE para facer naufragar en Madrid esta proposta, votando en Galiza unha cousa e en Madrid outra distinta”, indicou. Fronte a isto, o BNG, levará ao próximo pleno do Parlamento galego unha iniciativa para defender esa lei de proposta de transferencia da AP-9 “tal e como se aprobou por unanimidade no seu momento no noso Parlamento”.

Visita Bueu
Visita Bueu

“Mentres Rueda amosa a súa incapacidade para defender os intereses de Galiza, Audasa está tendo uns beneficios históricos”, indicou Pontón, que engadiu que “neste momento está a investigarse en Europa se as ampliacións que fixeron o PP e o PSOE no seu momento son legais”.

“Levamos 14 anos sen unha soa transferencia por iniciativa da Xunta. Estamos nun momento decisivo, o interese do País e de que os galegos e as galegas teñamos dereito a xestionar as nosas autoestradas ten que estar por diante dos intereses partidistas”, subliñou.

Bueu, unha aposta do BNG pola mobilidade amable

Pontón amosou tamén a aposta do BNG en Bueu por unha “mobilidade amable” na zona. “Por unha banda temos a Félix Juncal, que pon ás persoas no centro e, por outro, a xestión que está a facer a Xunta de Galiza coa súa inacción, sen executar as responsabilidades que lle competen”, denunciou a portavoz nacionalista.

A líder do Bloque quixo destacar que “aínda que o goberno da Xunta de Galiza non aposte nin invista nesta mobilidade amable que todas queremos, si que o están a facer dende o goberno do concello levando a cabo actuacións de urbanización desde a perspectiva de facilitar a mobilidade amable e segura para as persoas”. “Pedirémoslle á Xunta que cumpra con Bueu. A cidadanía ten dereito a circular por un espazo urbano de calidade, onde os nenos e as nenas poidan andar con seguridade e onde os galegos e as galegas gañen calidade de vida”, indicou.

Pontón manifestou que o BNG levará ao Parlamento galego preguntas para saber por que o PP non está cumprindo co que lle compete nesta materia, acompañadas dunha iniciativa para que o Goberno da Xunta abandone a inacción e se faga cargo das súas responsabilidades. “Ante un PP que non inviste no acondicionamento da zona, na actualidade o Concello de Bueu si que actúa en clave local ou provincial en base a premisas como o Plan Agora que puxo en marcha o BNG na Deputación de Pontevedra”, lembrou.

“Non queremos cidades e vilas pensadas para os coches, querémolas pensadas para as persoas. O espazo público é un dereito da cidadanía e temos que traballar tamén nese ámbito”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG