congreso

BNG insiste en pór fin á concesión da AP-9

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “Os galegos e galegas continuamos a pagar portaxes na Autoestrada do Atlántico, 10 anos despois de que debería ter finalizado a concesión, por unha infraestrutura que xa está amortizada e que unicamente está a favorecer os intereses dunha empresa privada como AUDASA e dos fondos voitre que están detrás”

O BNG reclama ao Goberno do Estado atender os intereses dos e das galegas, así como das empresas da Galiza asentadas no Eixo Atlántico, e rematar “canto antes” con unha concesión declarada ilegal pola Unión Europea

Após coñecer os beneficios extraordinarios obtidos por AUDASA durante 2022, o Bloque Nacionalista Galego reitera a necesidade de que o Goberno do Estado “actúe canto antes” e finalice a concesión da AP-9. O deputado do BNG, Néstor Rego,  explica que, ademais da resolución da Unión Europea que considera que as prórrogas –concedidas por PSOE e PP- non se axustaron á legalidade, esta infraestrutura está “máis que amortizada” e considera “escandaloso” que os galegos e galegas continuemos a pagala. Rego reclama ao Goberno atender os intereses da cidadanía e das empresas da Galiza, e non os intereses dunha empresa privada, participada por fondos voitre, e dar por finalizada a concesión.

Esta semana, a través dos datos presentados remitidos a Comisión Nacional do Mercado de Valores, foron coñecidos os lucros de AUDASA durante 2022 pola concesión da Autoestrada do Atlántico. Uns lucros que se incrementan en máis de 14% a respecto dos anos anteriores pola recuperación do tráfico na AP-9, após dous anos marcados pola restrición da mobilidade durante a pandemia da COVID-19. Segundo os datos fornecidos, AUDASA tivo 66 millóns de beneficios en 2022 mais “os galegos e galegas pagamos case 172 millóns de euros en portaxes que non deberíamos de ter pagado, posto que a AP-9 xa está máis que amortizada”.

De facto, o deputado nacionalista explica que “os galegos e galegas continuamos a pagar portaxes na Autoestrada do Atlántico, 10 anos despois de que debería ter finalizado a concesión, por unha autoestrada que xa está pagada e que unicamente está a favorecer os intereses dunha empresa privada como AUDASA, cuxa matriz -Itínere- está participada por fondos voitre”.

“A Unión Europea considera que as prórrogas -10 anos por un Goberno socialista e 25 por un Goberno do PP- na concesión da AP-9 non se axustaron á legalidade” lembra o deputado do BNG. Polo tanto, continúa a explicar, “hai dez anos, desde 2013, que esta autoestrada tiña que ser libre de peaxes o que quere dicir que hai dez anos que os galegos e galegas levamos pagando portaxes de forma irregular”.

Por este motivo, Néstor Rego reitera a necesidade de rematar a concesión desta autoestrada. “O BNG reclama que o Goberno actúen en favor dos intereses dos e das galegas, así como das empresa asentadas no Eixo Atlántico que ven aumentados os seus custos de loxística e produción pagando unha peaxes claramente inxustas e que non debería de existir” demanda Rego.

O deputado nacionalista asegura que o BNG continuará traballando para lograr que, canto antes, teñamos unha AP-9 galega -completando a transferencia- e libre de peaxes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG