parlamento galego

A Xunta recoñece que está valorando a reclamación do BNG de reformular o proxecto actual do castro de Toiriz en Silleda

Montse Prado advirte que, ademais da “destrución arqueolóxica”, de seguir adiante, o proxecto sentaría un grave precedente

O Goberno galego vén de recoñecer no Parlamento que está valorando a remodelación do actual proxecto de recuperación do castro de Toiriz tal e como reclama o BNG e diferentes colectivos de Silleda, concello onde está localizado o castro que xunto a outros dous forma parte do denominado Proxecto de Restauración e Musealización dos Xacementos Galaico-romanos de Pontevedra.

Así o admitiu a directora xeral de Patrimonio da Xunta ante unha pregunta na Comisión de Cultura da Cámara galega da deputada Montserrat Prado, quen advertiu que hai elementos máis que suficientes para proceder á paralización das actuacións que se están levando a cabo en Toiriz -“por resultar moi invasivas e pouco respectuosas co xacemento”- e á paralización do actual proxecto para “a súa reformulación de acordo a criterios de respecto, conservación, protección e divulgación”.

Neste sentido, reprochou que non se informou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta da aparición de restos arqueolóxicos como así obriga a normativa vixente e que o proxecto de control arqueolóxico asociado debe estar asinado por un arqueólogo ou arqueóloga, cando o está por un arquitecto. Así mesmo, recalcou que dito proxecto de control debe realizarse sempre a pé de obra, algo que non puido ser posible porque os traballos foron realizados simultaneamente aos doutro castro incluído no mesmo proxecto dos Xacementos Galaico-romanos de Pontevedra.

Logo de afear ao Goberno do PP que o proxecto de Toiriz “non é de restauración e estudo, senón de urbanización e conversión do castro nun parque temático que non ten en conta as características do contorno”, Prado recalcou que estamos ante “unha aberración” e que de seguir adiante esta actuación tal e como está agora concibida “vai supoñer un precedente moi negativo e de graves consecuencias”, xa que é a primeira vez que se desenvolvería nos seus actuais termos.

“Este é un modelo totalmente alleo á nosa realidade”, cuestionou, para a continuación subliñar que o proxecto, ademais de supoñer “destrución arqueolóxica”, suporía a “estandarización” dos castros da provincia de Pontevedra. “Vai dar o mesmo visitar o da Subidá ou o de Toiriz, pois imos ver dous castros semellantes cando son emprazamentos e contornos distintos coas súas diferentes peculiaridades paisaxísticas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG