A Xunta confirma a instancias do BNG a retirada de amianto do CEIP de Cedeira e do IES Pedro Floriani de Redondela

Anpas Redondela
Anpas Redondela
Manuel Lourenzo pon en valor a presión das ANPAs para lograr a desamiantización das instalacións de ámbolos dous centros

A Xunta confirmou no Parlamento a instancias do BNG a retirada de amianto das cubertas do CEIP de Cedeira e do IES Pedro Floriani, ámbolos dous centros situados en Redondela. O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, agradeceu unha decisión que, segundo recalcou, é froito da presión exercida polas ANPAs e o BNG, que veñen denunciando dende hai tempo esta situación sen que o Goberno galego impulsase ata agora ningunha medida.

Nunha pregunta parlamentaria, Lourenzo advertiu ao secretario xeral técnico de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do perigo que supón o estado destas cubertas de amianto en descomposición e, neste sentido, apelou ao “consenso científico absoluto” sobre o feito de que o amianto “é un axente canceríxeno”.

Neste sentido recordou os numerosos estudos científicos que demostran que o fibrocemento, é dicir, a uralita, despois de 30-35 anos, e sobre todo se está sometida a unha climatoloxía como a galega, comeza un proceso de friabilización (de descomposición) no que se desprenden partículas de potencial perigosidade. A isto engadiu que na práctica totalidade dos centros con fibrocemento nas cubertas hai tamén fibrocemento empregado como illante proxectado, “o que é aínda moito máis perigoso”, alertou.

Logo de subliñar que a normativa europea obriga á substitución de instalacións con amianto en mal estado de conservación, o deputado do Bloque  incidiu en que o amianto dos centros de Redondela “xa pasou a súa vida útil e, polo tanto, pode estar en proceso de friabilización, o que supón un risco maior para a saúde”.

Lourenzo preguntou tamén ao secretario xeral polo convenio da Xunta co Colexido de Arquitectos de Galiza neste sentido e que supostamente ía estar listo no ano 2018: “onde está ese informe e que indicacións recolle para os centros concretos de Redondela?”, cuestionou, para a continuación lembrar que a Consellería de Educación xa afirmara textualmente en 2017 que tiña “unha folla de ruta do amianto nos centros de ensino” e que substituiría 15 cubertas ao ano, o que daría lugar, segundo o deputado do BNG, a entre 50 e 75 cubertas substituídas no último lustro. “Pode confirmar estes datos e cal é a quenda que lle toca aos centros de Redondela nesta folla de ruta; está documentada ou é simplemente outra das afirmacións que se fan aquí e que non se substancian en nada?”, incidiu.

Ante a confirmación do director xeral na súa resposta da próxima desamiantización de ámbolos dous centros, o portavoz nacionalista de Educación concluíu pedindo á consellería que traslade a correspondente dilixencia informativa aos centros xa que, a día de hoxe, non teñen constancia oficial da decisión e, polo tanto, de que si se van acometer as obras precisas para retirar o amianto das súas instalacións.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG