A Xunta confirma ao BNG que solucionará en agosto os tapóns na Ponte Boado do río Tambre no concello de Boimorto

Mini Rivas
Mini Rivas
Mini Rivas critica a inacción de Augas de Galiza dende hai catro anos que persiste o tapón principal, pese a ter recibido avisos en varias ocasións

A director de Augas de Galiza confirmou ao BNG no Parlamento galego que entre finais de xullo e agosto acometerá as actuacións necesarias para solucionar os tapóns existentes no río Tambre, a escasos metros da chamada Ponte Boado no concello de Boimorto.

A resposta da Xunta produciuse a pregunta en comisión parlamentaria de Medio Ambiente do portavoz nacionalista de Agricultura, Mini Rivas, quen pediu explicacións ao Executivo pola súa inacción ante un problema que persiste dende hai, cando menos catro anos.

Segundo denunciou Rivas, o tapón principal alcanza xa preto dos dous metros e obstrúe o paso das augas con troncos de árbores e todo tipo de maleza arrastrados polas enchentes sucesivas e que foron apresando ao seren freados polos ameneiros que hai no leito, tapón ao que sumou un segundo que tamén vai cobrando unha dimensión salientable, tan só 20 metros máis abaixo.    

“Ata o de agora, tivemos sorte de que non viñera unha treboada forte ou simplemente un inverno dos normais nestes catro anos”, advertiu, logo de recalcar que a Consellería de Medio Ambiente fora avisada en varias veces sen que, logo de dúas inspeccións, procedese aínda á retirada dos materiais.

“O perigo é serio pois de aparecer un período de chuvia intensa, a crecida do río e o arrastre de materiais pode acrecenta-la mentada barreira ocasionando un apresamento de auga fóra de lugar e coa rotura facer un arrastre e ocasionar unha desfeita río abaixo en vivendas, pontes e facendas”, alertou para recordar a continuación que a uns 40-50 metros escasos do segundo tapón hai un forno romano do século II que tamén hai que protexer.

Rivas criticou a inacción do Executivo galego durante os últimos catro anos -“non se entende esta indolencia e a súa falta de acción, ese non facer nin deixar facer”, recalcou- e avanzou que o BNG “estará expectante” durante o mes de agosto para comprobar a execución das actuacións comprometidas.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG