Vence acusa á Xunta de ser cómplice da extorsión da industria aos produtores de leite

Pide desde Lalín a intervención inmediata do goberno para garantir prezos xustos que eviten a desaparición dun sector básico para o país

Lamenta o “cinismo” dos alcaldes do PP no rural que “posan en fotos” ao lado dos produtores mentres permiten o abandono do seu partido

VENCE FEIRA DE LALINO portavoz nacional, Xavier Vence, acusa á Xunta de Feijóo de complicidade coas industrias na súa “política de extorsión” aos produtores lácteos, obrigados a vender a prezos moi por debaixo do custe de produción, -chegou a estar por debaixo dos vinte céntimos litro-, baixo a ameza de deixar de recoller o leite, o que na práctica supón unha “reconversión encuberta” das explotacións.

“O sector está nunha situación alarmante e ao borde da catástrofe polos prezos que impón a industria coa autorización e coa complicidade da Xunta e do Goberno central. É unha situación que condena ao sector a súa desaparición cun proceso de reconversión das 9.000 explotacións ante o poder absoluto das industrias”, denunciaba Vence en Lalín nun acto con gandeiros e gandeiras.

Para o dirixente nacionalista, son necesarias “medidas inmediatas por parte da Xunta para impedir o atropelo das industrias aos produtores, impedindo os contratos abusivos, controlando e impedindo as situacións de abuso” e, neste sentido, o BNG reclama “abrir xa un novo proceso de negociación creando unha interprofesional leiteira que permita un marco estable e igual entre todas as partes”.

Igualmente, o Bloque demanda do Goberno galego “unha regulación moi clara da cadea de distribución para impedir esa extorsión a través de prezos que arruínan ao sector”.

Na xornada sobre a situación dos sector interviron tamén a portavoz parlamentaria de Medio Rural, Tereixa Paz, responsables de Fruga, expertos no sector con Antonio Oca, e o candidato de BNG-Asembleas Abertas en Lalín, Xosé Manuel López, quen subliñou que “neste concello e en toda a comarca do Deza o sector agrogandeiro é clave para o desenvolvemento económico e a creación de emprego”.

Vence instou a Feijóo a “deixar de mirar de esguello” para involucrarse na defensa dun sector. “Non podemos entender esta actitude pasiva da Xunta e do PP deixando que a industria estrangule ao sector produtor e só é comprensible dun partido traidor aos intereses dun sector que é básico para o futuro de Galiza”.

Voz de alarma desde a cidadanía

VENCE FEIRA LALIN2O dirixente do BNG, fixo unha reflexión crítica sobre a actitude “farisea” que amosan os alcaldes do PP dos concellos do rural.

“Vendo estes días certas fotos dos alcaldes do PP tratando de escenificar de cara a galería un compromiso do sector leiteiro nunha actitude absolutamente cínica e falsa, porque están dándolle amparo á política de esnaquizo do seu partido en complicidade coa industria esganando aos produtores que, ao fin e ao cabo, son os seus veciños e veciñas nos municipios do rural”, argumentou.

Xavier Vence asegurou sentirse “escandalizado” por esa “actitude farisea” duns alcaldes “que non fan nada para que o seu partido actúe a favor dos intereses dos produtores e produtoras”.

Ante a situación de “emerxencia” do sector, o Bloque fai un chamamento a toda a cidadanía “porque é un problema de país”, un chamamento “a todos os actores implicados na cadea de produción leiteira para erguer unha voz de alarma urxente para que este sector clave non desapareza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG