Tornar os soños en realidade: adiante a República Galega

Día da Patria Galega 2019
Día da Patria Galega 2019
Comunicado da Executiva Nacional no 90 aniversario da proclamación da República Galega

Hai soños que nin morren nin o tempo consegue esvaecer. Polo contrario, xermolan, crecen e tórnanse bandeiras de esperanza. Na Galiza, o soño da liberdade enraizou fondo no pobo e, por décadas e décadas, galegos e galegos mantivérono en alto contra todo poder, contra toda opresión, contra toda adversidade. É a expresión da vontade de gañarmos o futuro, de sermos unha nación libre e de tomarmos o noso destino nas propias mans. Mais tamén da convicción de que esa é a premisa para conquistarmos benestar e dignidade.

Hai 90 anos, galegas e galegos conscientes de que a conquista de pan e dereitos exixía romper a dependencia da Galiza e o espolio colonial do noso País, proclamaron a República Galega. Embora non triunfase, as xornadas revolucionarias de xuño de 1931 marcaron un camiño que foi alargado paso a paso, con vontade e esforzo, polo nacionalismo até enxergar no horizonte unha nova Galiza tan vizosa que o fascismo español tentou fanala brutalmente, mais nunca a conseguiu apagar.

O nacionalismo galego contemporáneo recolleu o legado e levantou de novo os soños e as esperanzas, con firmeza, con organización, con loita. Frente a un rexime español que nos nega como pobo, frente á precaridade e o roubo de dereitos, frente ao espolio dos nosos recursos, frente a unha xustiza inxusta ao servizo dos poderosos, frente á monarquía anacrónica e corrupta, a Galiza soberana alzase como a garantía dun futuro diferente, de benestar, de democracia e de liberdade.

Neste presente especialmente complexo que nos tocou vivir, en que ficou en evidencia que o marco autónomico non serve para resolver os problemas aos que se enfrenta o noso pobo e que para defender a saúde e a vida da nosa xente precisamos ferramentas de libre decisión, a soberanía non é unha opción, é a única vía posíbel; non é só un dereito, é, sobre todo, unha necesidade. Por iso a cada día máis mulleres e homes, máis mozas e mozos, máis galegas e galegos se unen á onda imparábel de alegría e entusiasmo que anuncia xa o nacemento dun novo País.

Hoxe, erguer a bandeira da liberdade da Galiza é defender todas as causas xustas: a da igualdade, a do feminismo, a do emprego con dereitos, a do ecoloxismo e a defensa do territorio, a do dereito a vivir e traballar na nosa terra, a da sanidade pública, a dunha lingua galega plenamente normalizada, a dun ensino galego de calidade, a da vivenda digna, a dunha cultura galega viva e frutífera, a dunha mocidade con futuro, a do dereito á felicidade...

Desde a certeza de que venceremos nós, de que as nosa causa, as nosas causas, triunfarán, honramos hoxe a quen con tesón e firmeza defendeu o pobo e a liberdade. E facémolo da mellor maneira posíbel, continuando o seu camiño para tornar definitivamente os soños en realidade. Por iso, as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado, a República da Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG