Diante da próxima votación na Asemblea Xeral das Nacións Unidas do proxecto de resolución "Necesidade de pór fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba", que terá lugar o 29 de novembro de 2025, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta que este bloqueo, que se mantén durante máis de seis décadas, constitúe un acto de guerra económica e un castigo colectivo contra o pobo cubano. É unha violación flagrante do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas, e o principal obstáculo para o desenvolvemento soberano de Cuba, causando danos humanos incalculábeis e limitando o acceso a medicamentos, alimentos e tecnoloxía.
O bloqueo a Cuba é unha inxerencia inaceptábel que busca someter pola fame e as dificultades a un pobo que leva décadas defendendo a súa independencia. Imposto polos Estados Unidos de América desde 1960, polo tanto desde hai 65 anos, é un instrumento de guerra económica que viola os Dereitos Humanos do pobo cubano. Cuba está a ser economicamente asfixiada, e os cubanos e cubanas sofren escaseza de bens esenciais, frecuentes cortes de enerxía e problemas de transporte.
A isto hai que engadir que os Estados Unidos incluíron a Cuba na súa lista dos chamados estados patrocinadores do terrorismo. Isto crea enormes problemas para Cuba, pero tamén afecta a terceiros países cando necesitan realizar transaccións financeiras ou investimentos estranxeiros completamente legais en Cuba.
O BNG súmase á inmensa maioría das nacións que condenan as accións hostís dos Estados Unidos contra Cuba. A Asemblea Xeral da ONU instou aos Estados Unidos a poñer fin ao seu embargo sobre Cuba 32 veces, a última en outubro de 2024, por 187 votos a favor, dous votos en contra (Israel e os Estados Unidos) e unha abstención (Moldavia).
Diante desta posición case unánime da comunidade internacional representada na ONU, é hora de que os Estados Unidos escoiten esa voz maioritaria e actúen en consecuencia, levantando de xeito definitivo unha medida que só contribúe á inestabilidade e ao sufrimento.
Por todo iso, a Executiva do BNG:
- Defende o dereito de autodeterminación e soberanía do pobo cubano recollidos nos principios fundamentais do Dereito Internacional da Carta Das Nacións Unidas
- Manifesta todo o apoio e solidariedade co pobo cubano, defendendo o seu dereito a construír o seu propio camiño en paz e liberdade sen inxerencias externas.
- Demanda do Goberno español que vote a favor da resolución, e a que use todos os seus medios para presionar aos Estados Unidos para que poña fin ao criminal bloqueo, e elimine da súa lista de países que considera patrocinadores do terrorismo.
A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego