Suprimir as axudas que fomentan as touradas

A UE destina a través da Política Agraria Común (PAC) un mínimo de 130M de € anuais á cría de touros de lidia. En comparecencia de prensa no Parlamento Europeo para a presentación do informe Touros e impostos. Subvencións do Estados español e da UE para a tauromaquia e cría do touro, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, os eurodeputados cataláns Raül Romeva e Ramón Tremosa, e o deputado no Congreso por ERC, Alfred Bosch como autor do informe, solicitaron que esas axudas públicas comunitarias se destinen a outras actividades produtivas do sector agrogandeiro.

Neste sentido, os eurodeputad@s remitiron un escrito ao comisario de Agricultura da UE, o rumano Dacian Ciolos, no que solicitan que adopte medidas para retirar os subsidios ao sector da tauromaquia na Unión Europea e se fixen sancións aos Estados membros que utilicen as axudas da PAC para financiar a cria de touros para soster o desenvolvemento dun entretemento cuestionable. 

 "O uso de fondos dos contribuíntes europeos para subvencionar a tauromaquia non é admisible nun momento de crise e de recortes. A PAC ten como obxectivos promover unha actividade agrogandeira sustentable, producir alimentos de calidade e saudables, a protección do medioambiente e do medio de vida rural. Ese mínimo de 130 millóns de € anuais en pagos directos por axudas para criar touros de lidia para touradas non se corresponde cos obxectivos da Política Agraria Común", explicou Miranda, quen solicitou ao Executivo comunitario que "identifique todos os fondos directos ou indirectos que se destinan a subvencionar a tauromaquia".

A carta remitida ao Comisario de Agricultura conta co apoio de 17 eurodeputados e eurodeputadas dos grupos parlamentarios europeos liberais e socialista e do Grupo Verdes/ALE, como o agrarista francés José Bové ou presidente do Intergrupo de consevación e benestar animal, o danés Dan Jorgesen.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG