O segundo veto á transferencia da AP-9 é un novo agravio a Galiza e nova mostra da irrelevancia de Feijóo

Cargos institucionais do BNG pola transferencia da AP-9
Cargos institucionais do BNG pola transferencia da AP-9

O ministro de Fomento está “comprando todos os boletos para se declarado persoa non grata”, e lembra que na Mesa do Congreso deciden máis forzas que o PP

O BNG ve no segundo veto do Goberno de Rajoy ao debate da transferencia da AP9 un novo agravio para Galiza e unha nova proba da irrelevancia política de Feijóo en Madrid, ao tempo que lembra que é a Mesa do Congreso a que decide sobre a toma en consideración desta lei órgano no que tamén teñen responsabilidade outras forzas políticas nun contexto se maioría absoluta do PP.

Desde Combarro, a portavoz nacional, Ana Pontón, indicaba que o ministro de Fomento, “está comprando todos os boletos para que o declaremos persoa non grata neste país, porque o informe que ven de remitir ao Congreso é unha nova mostra do agravio e do desprezo co que se trata a Galiza desde Madrid”.

Deste agravio, alegou, “é responsable o presidente da Xunta pola súa incapacidade para defender os nosos intereses, que no pasado xustificou e seguro volverá xustificar este informe, o que conduce a que Galiza sexa máis irrelevante e demostra cada día que Feijóo non pinta nada en Madrid”.

Para o BNG é evidente que o equilibrio das contas públicas, -como volve alegar o Goberno central ignorando os cambios introducidos polo Parlamento galego na segunda lei remitida ao Congreso, - non se rompe pola transferencia da  AP9 senón, en todo caso, “polo rescate bancario, polo rescate das radiais madrileñas ou das amnistías fiscais ilegais aprobadas por Montoro”.

En todo caso, indicou Pontón, o PP “ten unha responsabilidade” porque é a Mesa do Congreso a que ten a decisión de tramitar a Lei de transferencia da AP9 e, sobre a súa toma en consideración “agardo que unha deputada galega como Ana Pastor non volva cometer unha traizón con este país, que non volva pasar por riba de todos os galegos e galegas sendo cómplice dun novo agravio”.

Ademais, Pontón lembra que o PP non ten maioría absoluta no órgano de dirección da Cámara baixa e que hai outras forzas políticas que van ter a responsabilidade sobre a toma en consideración desta lei.

“Imos ver que pasa a vindeira semana no Congreso pero esta situación de dobre intento de veto non podemos asumila con normalidade, e Galiza ten que seguir facendo presión para que realmente consigamos o traspaso da AP9” como primeiro paso para “poñer fin á situación de ter unha das peaxes máis caras do Estado cando temos un dos salarios máis baixos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG