parlamento galego

Sanidade, infraestruturas, vivenda e rexeneración das rías, prioridades do BNG para O Morrazo no Parlamento

Visita o Morrazo
Visita o Morrazo
Pontón destaca que o traballo municipal contribuíu ao resultado histórico acadado polo Bloque nas eleccións do pasado 18 de febreiro na comarca

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou en Cangas as principais prioridades para O Morrazo que defenderá o BNG no Parlamento galego e que focalizou en catro ámbitos concretos: sanidade, infraestruturas, vivenda e rexeneración das rías.

Pontón agradeceu aos veciños e veciñas do Morrazo o apoio recibido nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro, nas que o Bloque foi primeira forza política en Cangas e Moaña, co 46% e o 46,6% dos votos respectivamente, e tamén alcanzou o 40% en Bueu, o que sitúa á formación nacionalista “no mellor resultado da nosa historia nesta comarca”.

Un resultado ao que, segundo dixo, contribuíu o traballo municipal porque “os veciños e veciñas coñecen moi ben ao BNG xa que levamos anos gobernando nesta comarca e vese que os nosos son concellos moi dinámicos e isto foi un plus que reforzou ao BNG nestas eleccións”, indicou.  

“Todo ese apoio dános máis forza, máis ganas e máis peso para poder defender os intereses da maioría social e os intereses desta comarca porque para iso estamos no Parlamento galego, para traballar a favor do Morrazo”, afirmou para afondar nos catro grandes eixos que o BNG marca como prioritarios para a comarca na súa actividade parlamentaria na lexislatura que agora comeza.

O primeiro deles, a defensa da sanidade pública que, segundo advertiu, se atopa nos concellos do Morrazo nunha “situación límite” que despois da pandemia “en vez de mellorar, empeorou”, afirmou a portavoz nacional nunha visita a Cangas na que estivo acompañada da alcaldesa da localidade e da de Moaña, Araceli Gestido e Leticia Santos respectivamente, e do rexedor de Bueu, Félix Juncal.

Pontón apostou por conseguir a ambulancia medicalizada para a comarca, a recuperación das urxencias en Moaña e a construción dun centro de saúde para O Hío e Aldán, servizos que considerou “de xustiza” e fundamentais para dar resposta ás necesidades do sistema sanitario público no Morrazo.

A segunda prioridade sobre a que fixo fincapé é a necesidade de mellorar as infraestruturas viarias e, neste sentido, apuntou ás estradas PO-313 e PO-551, ámbalas dúas dependentes da Xunta e que se atopan en “moi mal estado”, polo que defendeu a súa mellora non só do seu firme, senón tamén a súa humanización nos tramos urbanos.

En terceiro lugar, a líder nacionalista adiantou que o BNG reclamará no Parlamento a rexeneración integral das rías de Vigo e Pontevedra, unha actuación que considerou clave para asegurar “non só todas as actividades económicas que dependen directamente do mar, senón tamén moitas outras que o fan indirectamente, como é o caso do turismo”, sector cun peso específico na comarca.

Por último, avogou por dar resposta a unha das demandas que ten cada vez máis xente no Morrazo: “poder acceder á vivenda a un prezo xusto”, sintetizou. Fronte á “política de brazos caídos” nos últimos anos do Goberno do PP mentres subían os prezos do aluguer, o Bloque demandará que a Xunta “constrúa vivenda pública no Morrazo para destinala ao alugueiro”.

“Sabemos que a día de hoxe para moitos mozos e mozas, pero tamén para moitas familias, ter unha vivenda digna en alugueiro resulta misión imposible e cremos que xa é tempo de que esta sexa tamén unha prioridade do novo goberno”, afirmou. 

Todas estas cuestións serán trasladadas ao Parlamento polo BNG a través dun grupo parlamentario “reforzado” grazas ao apoio recibido nas eleccións galegas do 18 de febreiro nas que a formación nacionalista obtivo 25 deputadas e deputados, entre os que se atopa Paulo Ríos que, segundo salientou Pontón, “coñece moi ben todos os problemas do Morrazo, xa demostrou a súa enorme capacidade de traballo e vai seguir sendo unha voz clara en defensa dos intereses dos veciños e veciñas desta comarca”.  

Pola súa parte, a alcaldesa de Cangas agradeceu á líder nacionalista que sexa a portavoz que leve as demandas dos concellos do Morrazo ao Parlamento galego porque, segundo salientou, “por desgraza non nos faltan demandas por trasladar”. “É moi importante que teñamos voz no Parlamento e imos esta presentes todos e cada un dos días”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG