parlamento galego

Rosana Pérez reclama máis solo industrial na Barbanza e acusa ao PP de falta de compromiso co crecemento da comarca

Rosana Pérez
Rosana Pérez

“As empresas precisan espazos a prezos razoables para aumentar a oferta de emprego e a riqueza económica da comarca e do País”, advirte a deputada

A deputada do BNG Rosana Pérez vén de denunciar no Parlamento, mais unha vez, a “escaseza clamorosa” de chan industrial na comarca da Barbanza, onde os catro parques empresariais existentes non dispoñen na actualidade dun só metro de chan industrial. É por iso que reclamou ao Goberno do PP que retome con urxencia o Parque Empresarial da Barbanza para que este proxecto sexa unha realidade “á maior brevidade posíbel”.

Rosana Pérez defendeu unha iniciativa neste sentido na Comisión 6ª do Parlamento, na que advertiu que a necesidade de chan industrial é “perentoria” para que a comarca poida seguir crecendo. “As empresas precisan espazos a prezos razoables para seguir aumentando a oferta de emprego e a riqueza económica da comarca e do conxunto do País”, advertiu.

De aí que reprobase a falta de compromiso coa comarca dos deputados do PP, que vetaron a iniciativa do BNG para, en concreto, reclamar á Xunta “todas as actuacións  que sexan precisas para que o Parque Empresarial do Barbanza (PEB) sexa unha realidade á maior brevidade posíbel”.

Durante o debate da iniciativa e en aras do consenso, o BNG amosouse disposto a aceptar unha emenda do PP que, na vez do PEB, propuña “buscar alternativas de localización de solo industrial na comarca”. Os populares rexeitaron comprometerse a facelo no prazo dun ano, polo que finalmente o Bloque non admitiu a emenda.

Rosana Pérez reclamou á Xunta que reinicie o expediente expropiatorio do PEB, que quedou “varado” no 2011, e destacou que este parque figura no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galiza, aprobado polo propio Goberno do PP no 2014. Por iso ironizou coas “afeccións” que agora alega o PP para cambiar o proxecto: “Os ríos da Barbanza non se moven e xa estaban aí no 2011, e o mesmo sucede coas mámoas, que non son móbiles”.

Na defensa da proposición non de lei rexistrada polo BNG, a deputada da Pobra insistiu na situación de “absoluta seca” de chan industrial na zona e salientou que a día de hoxe tanto o empresariado da zona como os propios concellos reclaman poder levar a cabo ampliacións dos parques empresariais existentes para que as industrias xa asentadas poidan crecer e se poidan instalar outras novas.

De feito, agregou, Rianxo Boiro e A Pobra xa están dando os primeiros pasos para a ampliación dos seus respectivos polígonos industriais. No caso de Ribeira, cunha tramitación máis avanzada,  “non dan conseguido o apoio de ningunha das consellerías nin departamentos da Xunta”, criticou.

Rosana Pérez lembrou ao PP que, segundo os acordado pola propia Xunta, o PEB tería que estar rematado no 2019, “hai xa cinco anos, e os terreos destinados ao desenvolvemento industrial da nosa comarca continúan a monte”. Tamén denunciou, en relación a isto, que dende hai anos os propietarios dos terreos do chan contemplando no PEB -en torno a un millón de metros cadrados- están pagando a súa contribución como chan urbanizábel, non como rústico, que é como estaba cualificado previamente.  

“É curioso e totalmente inxustificábel que nunha comarca dinámica industrial e economicamente, na que o chan industrial está esgotado desde hai anos, onde existe un proxecto sectorial aprobado definitivamente desde 2012 e un Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galiza aprobado en 2014, que recolle e contempla ese PEB, non se mova un dedo por parte da Xunta para desenvolvelo”, resumiu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG