Congreso

Rego, a Montero: “Se a Rueda non lle interesa a quita da débeda á Galiza, aos galegos e galegas si”

Néstor Rego desmonta a campaña do Partido Popular sobre o “secesionismo fiscal” e critica o servilismo de Rueda, que está a prexudicar os intereses da Galiza

Sobre a quita da débeda e un sistema de financiamento xusto para a Galiza, Néstor Rego sinala a Montero: “son vostedes, o Goberno, quen ten agora a resposabilidade”

“Reclamamos soberanía fiscal e, no inmediato, un sistema de concerto que dea á Galiza capacidade normativa e de recadación” reivindica Néstor Rego

A comparecencia da Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda no Congreso foi aproveitada polo BNG para demandar, frente ao servilismo e submisión do Presidente da Xunta aos intereses do Partido Popular, soberanía fiscal e, no inmediato, un sistema de concerto que dea á Galiza a capacidade normativa e de recadación. O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, sinalou que o Goberno do Estado ten a responsabilidade de facelo posíbel e cumprir o pactado no Acordo de Investidura co BNG: mesmo status para a Galiza que Euskal Herria e Catalunya e a quita da débeda.

“Ao BNG si lle interesa mellorar a calidade de vida e o benestar das galegas e galegos. Por iso reclamamos soberanía fiscal e, no inmediato, un sistema de concerto que dea á Galiza capacidade de normativa e de recadación” reivindica o deputado do BNG no Congreso durante a comparecencia da Ministra de Facenda. De facto, a pasada semana, na sesión de control ao Goberno, Rego lembráballe esta cuestión á Vicepresidenta e sinalou que agora “é o Goberno do Estado quen ten a responsabilidade”.

Se aceptan un financiamento singular para Cataluña, reclama Rego, o Goberno do Estado debe aceptalo para un País como a Galiza con características singulares que pode e debe responsabilizarse de si propio e dos recursos que xera. “Galiza, que ten a consideración constitucional de nacionalidade histórica, con Euskadi e Cataluña, non quere nin pode seguir perdendo oportunidades. Ese modelo xa o ten Euskal Herría, terao Cataluña e pode e debe telo tamén a Galiza” afirma Néstor Rego.

Sobre a quita da débeda, o deputado lembrou que o BNG incorporou ao Acordo de Investidura que ao noso País se lle reduciría a débeda ou se compensaría no caso da establecida cos bancos, en porcentaxe análoga a outras Comunidades. “Se callar por iso non lle interesa ao PP, para non recoñecer o papel do BNG e porque lle desmontaría a campaña sobre Cataluña. É realmente escandaloso. Se a Rueda non lle interesa, aos galegos e galegas evidentemente si” subliña.

Rueda: delegado servil e submiso aos intereses de Génova

“O Presidente do Goberno galego está disposto a perder recursos esenciais para a Administración galega sendo un delegado servil, un “bon colonizado”, submiso sempre ao que manden en Madrid, mesmo que iso prexudique todos os galegos e galegas, o que o converte nun presidente anti-galego, como xa deixou claro historicamente atacando a nosa lingua” criticou o deputado do BNG no Congreso após o rexeitamento de Rueda para negociar de forma bilateral un sistema de financiamento xusto para a Galiza e a quita da débeda.

Un Partido Popular, o galego, que se embarca na campaña deseñada en Génova contra o que eles mesmos chaman “secesionismo fiscal” sendo, cualificou Néstor Rego, un “comportamento irresponsábel” xa que “non lle preocupa que a Galiza perda centenas ou millares de millóns de euros que permitirían mellorar os servizos públicos ou soster políticas públicas esenciais, por exemplo en vivenda ou emprego”.

E esta submisión, sinalou o deputado nacionalista, está protagonizado polo partido que triplicou a débeda pública galega, situándoa por riba de 12 000 M€ e recorrendo á banca privada en vez de ao FLA.

Desmontando a campaña do PP sobre o “secesionismo fiscal”

Rueda, ademais, renuncia a bilateralidade co Estado para demandar un novo modelo de financiamento para a Galiza. “Se callar porque isto deitaría por terra a súa campaña demagóxica de que o financiamento singular de Cataluña prexudicaría a Galiza. Comezou dicindo que perderíamos 444 M€, agora xa serían 628 M€, sen que expliquen como nin por que” subliña.

“Por moito que Rueda e o Partido Popular se empeñen, a realidade é ben diferente. Non é Catalunya quen nos rouba, é Madrid, entendido como metonimia de España” asevera o deputado do BNG. Para desmontar a campaña do PP sobre o “secesionismo fiscal”, Néstor Rego salientou datos do espolio que se está a producir.

“Se tomarmos a liquidación de 2022 resulta que a diferenza entre o que os galegos e galegas pagamos en impostos e o que o Estado nos devolve sitúase en 5344 M€. A conclusión  do economista Xosé Díaz é que desde 2009 o Estado succionou á Galiza case 60 000 M€” asevera.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG