Congreso

Néstor Rego exixe ao Goberno aprobar con urxencia medidas presentadas polo BNG para frear as consecuencias da guerra

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego alerta de que as consecuencias xa están empezando a afectar ás clases populares e ás maiorías sociais

A organización nacionalista sinala que a “diversión de Trump” está saíndo cara tanto para os territorios atacados como para as clases populares

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado aprobar medidas que permitan facer frente ás consecuencias da guerra imperialista promovida polos Estados Unidos e Israel en Oriente Medio. A organización nacionalista lembra que entregou xa un documento ao executivo con medidas urxentes que debe aprobar e sinala que a suba de prezos xa está a afectar ás clases populares a ás maiorías sociais.

“As novas actuacións imperialistas teñen consecuencias graves para as clases populares única e exclusivamente para servir aos intereses da oligaquía norteamericana. É inaceptábel e o BNG condena estes ataques” sinala Rego ante a escalada bélica perpetrada polos Estados Unidos, incluíndo o “cerco medieval” que está a facer en Cuba.

Para o deputado nacionalista, a “diversión de Trump” está saíndo cara tanto para os territorios atacados como para as clases populares “na medida en que está provocando unha suba dos carburantes e, en consecuencia, de produtos básicos, empobrecéndoas”.

Ante esta situación, Néstor Rego recorda que o BNG xa trasladou unha batería de medidas ao Goberno co obxectivo de frear as consecuencias da guerra imperialista e lamenta que o executivo non aprobase na pasada semana nin vaia aprobar neste Consello de Ministros e Ministras ningunha medida. “Os efectos da guerra son visíbeis na sociedade polo que nos resulta incomprensíbel a pasividade e a tranquilidade que ten o Goberno” denuncia.

“Protexer Galiza e as maiorías sociais ante as consecuencias da guerra”: as medidas propostas polo BNG que o Goberno debe aprobar

As medidas propostas polo BNG céntranse en frear o aumento do custo de vida e garantir dereitos básicos. Inclúe o control e limitación de prezos en alimentos, subministracións esenciais, combustíbeis, alugueres e hipotecas, así como a prohibición dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional. Tamén se aposta por reforzar a supervisión e sanción ante prezos abusivos no sector enerxético, garantindo ao mesmo tempo o acceso continuo a servizos básicos para as persoas máis vulnerábeis.

Por outra banda, Néstor Rego destaca as accións específicas para apoiar os sectores produtivos máis afectados, como o agrogandeiro, o pesqueiro e as micro-PEMES, mediante plans de axuda e medidas que compensen o encarecemento dos combustíbeis e dos insumos. Ademais, proponse fortalecer a soberanía alimentaria, aplicar estritamente a Lei da Cadea Alimentaria para asegurar prezos xustos e paralizar acordos como o Mercosur para protexer o sector primario nun contexto de crise.

Noutros aspectos, a organización nacionalista destaca a necesidade de levar a cabo reformas fiscais e sociais orientadas a mellorar a equidade e o poder adquisitivo da poboación. Entre elas destacan unha fiscalidade máis progresiva, a redución do IVE en bens básicos, impostos ás grandes enerxéticas e fortunas, e a creación de fondos de compensación para administracións públicas.

Tamén se recolle a necesidade de actualizar prestacións e indicadores como o Ingreso Mínimo Vital, o Salario Mínimo Interprofesional, as pensións e o IPREM, así como eliminar peaxes en vías clave -AP-9 e AP-53- para reducir custos de transporte e aliviar a carga económica xeral.

Por último, Néstor Rego destaca a proposta do BNG de crear un fondo de compensación extraordinario para as administracións locais e autonómicas, así como o levantamento das regras fiscais para que os concellos, deputación e a Xunta poidan facer frente á suba de prezos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG