Congreso

Rego advirte Sánchez: “O BNG nunca vai transixir coa corrupción nin ollar para outro lado”

O deputado do BNG no Congreso exixe medidas reais contra a impunidade, a fin do espolio á Galiza e o cumprimento inmediato dos compromisos adquiridos

Néstor Rego denuncia a conivencia entre PSOE e PP no saqueo de recursos públicos: “alimentaron esa relación simbiótica entre poder político económico coas portas xiratorias en que participan de maneira indecente”

“Estamos aquí para defender a Galiza” afirma Rego, quen exixe a Sánchez “cumprir coa Galiza e as clases populares”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia con absoluta claridade e sen concesións a natureza estrutural da corrupción no Estado español durante a comparecencia do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sobre os casos que salpican a estrutura do Executivo. “A corrupción é estrutural no réxime político español porque lle é funcional ao poder” afirma Rego, poñendo o foco na raíz do problema: a herdanza dun sistema político nacido da chamada transición, onde os poderes económicos e políticos da ditadura franquista se reacomodaron no novo réxime constitucional.

Rego fixo unha crítica directa ao bipartidismo PP-PSOE, que ao seu xuízo leva décadas alimentando unha relación simbiótica co poder económico, mediante o uso sistemático das portas xiratorias e a impunidade das grandes empresas que medran á conta do diñeiro público. Advertiu que non se trata de casos illados, senón dun funcionamento sistémico, que inclúe tamén a Casa Real, cualificada como “intrinsecamente corrupta”, e o sistema xudicial, onde a utilización do lawfare é unha forma máis desa corrupción.

O deputado nacionalista puxo nomes e apelidos á corrupción: Aznar, González e ex ministros de PP e PSOE, que se alimentaron entre o poder político e económico a través das chamadas portas xiratorias en que participan de maneira indecente.

Rego acusa o Goberno de Pedro Sánchez de limitarse a facer anuncios baleiros, como as 15 medidas expostas, ás que o deputado nacionalista responde con escepticismo, lembrando que hai un ano, tras cinco días de reflexión, o Presidente do Goberno tamén prometeu unha rexeneración democrática que nunca chegou. “Nun ano, vostedes non fixeron absolutamente nada” reprochou, após ter recibido o Executivo propostas concretas por parte do BNG.

O deputado galego deixa claro que o BNG non é socio de Goberno nin ten acordo de lexislatura co PSOE. “Asinamos un Acordo de Investidura que o BNG cumpriu, e que o Goberno debe cumprir de maneira rápida e eficaz” exixe. Así mesmo, advirte que os constantes incumprimentos por parte do Estado engaden “decepción á decepción da corrupción” e poñen en evidencia unha falta total de vontade para levar a cabo “políticas valentes e verdadeiramente transformadoras no ámbito social, nacional e democrático”.

Rego foi categórico afirmando que o BNG non vai transixir coa corrupción nin mirar para outro lado. Reitera o seu compromiso coa defensa dos intereses do pobo galego e co combate á corrupción “caia quen caia”, rexeitando tamén que o combate á dereita e ultradereita sirva como escusa para manter prácticas e estruturas corrompidas. “Non é carta branca para nada nin para ninguén” advirte.

Finalmente, Rego exixe ao Goberno do Estado que cumpra xa cos compromisos adquiridos coa Galiza: un plan de investimentos digno, a transferencia e gratuidade da AP-9, implantación das cercanías, vivenda digna, xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades, o freo ao espolio eólico e a exclusión total de ALTRI do acceso a fondos públicos, entre outras demandas.

O BNG, reforza o deputado nacionalista, mantén unha posición de absoluta firmeza: loita frontal contra a corrupción e defensa radical dos intereses da Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG