Congreso

RAZÓNS PARA O BNG VOTAR NON Á CONVALIDACIÓN DO RDL 7/2025 SOBRE SISTEMA ELÉCTRICO (APAGAMENTO ELÉCTRICO)

Muíños de vento
Muíños de vento

A posición do BNG en relación co RDL 7/2025 parte da coherencia en defensa do País e do territorio frente á invasión de parques eólicos xestionados por grandes empresas foráneas e ás novas ameazas de proxectos de hidroeléctricas reversíbeis. O RDL asentaba o modelo actual e avanzaba e facilitar aínda máis estes proxectos lesivos para a Galiza.

1.- Aínda que o RDL ten algún elemento positivo -particularmente no ámbito do auto-consumo e de melloras técnicas-, a norma viría a dar máis poder ás empresas do sector eléctrico para instalaren parques eólicos, fotovoltaicos ou hidráulicas reversíbeis como e onde quixeren, favorecendo a especulación e afondando nunha dinámica que non ten nada de transición enerxética sustentábel senón de asentar un modelo de produción renovábel ao servizo do oligopolio e das grandes empresas con custos sociais e ambientais inmensos para as poboacións afectadas.

Neste sentido, cabe lembrar o espolio eólico que padece a Galiza, que produce xa de fontes renovábeis máis do que consume e envía para fóra -fundamentalmente Madrid- 40% da enerxía producida .No entanto, existen numerosos proxectos de mega-parques eólicos na terra e no mar, que destrúen o noso territorio, cun impacto ambiental, patrimonial, social e económico inmenso, sen deixaren ningún beneficio, pois levan os lucros para fóra e pagan os impostos en Madrid.

2.- O Goberno, podendo ter optado por un modelo de concurso, preferiu a autorización administrativa, deixando que sexan as empresas as que decidan onde se instalar e sen exixir retorno social. É máis, o Goberno, co argumento de favorecer o despregamento das renovábeis “para avanzar na transición enerxética”, xa relaxara os requisitos ás empresas no ano 2022, a través dos RDL 6/2022 e 20/2022 que facilitaban a tramitación eliminando a necesidade de avaliación de impacto ambiental (substituída por un estudo ambiental da propia empresa) e de participación pública, eliminando a exposición pública e presentación de alegacións no procedemento.

3.- O RDL non convalidado polo Congreso vai na mesma liña de que sexa o oligopolio e as grandes empresas as que decidan en función dos propios intereses, relaxando agora os controis para as hidroeléctricas reversíbeis (máis unha vez, a Galiza é ameazada por grandes proxectos deste tipo con varios en tramitación, que inclúe o de maior tamaño do Estado previsto en Ourense) ademais de suspender o cómputo dos prazos administrativos nas paralizacións xudiciais, unha das principais reclamacións das grandes empresas do sector eólico.

4.- A norma recollida no Decreto permitiría tamén a redución de prazos de tramitación á metade e a exención do trámite de avaliación ambiental no outorgamento das autorizacións das instalacións de transporte e distribución. Son abondosos tamén os conflitos en distintas partes do país pola extensión de redes de evacuación e a instalación de subestacións eléctricas que verían facilitados os trámites administrativos para a súa instalación sen necesidade de avaliación ambiental.

5.- Así mesmo, tamén se reducen á metade, é dicir, axilízase a tramitación da autorización e da avaliación ambiental para a repotenciación de parques de até 25%.

6.- Poden ser positivas as medidas tendentes a facilitar o autoconsumo, mais nin sequera resolveron aquí un dos problemas que temos na Galiza, porque a nova regulación voltaría a deixar fóra ás comunidades de montes da posibilidade de actuaren como Comunidades Cidadás de Enerxía, impedindo así o seu desenvolvemento en condicións de igualdade nesta materia.

7.- Por petición do MITECO, o BNG pasou un documento con propostas, entre elas:

  • A recuperación das garantías ambientais e a participación pública
  • Avanzar para un sistema eléctrico máis descentralizado, de modo que a autorización das instalacións de xeración eléctrica que estean, na súa integridade, no ámbito territorial da Galiza, deben ser competencia da Xunta de Galicia
  • O control público da rede eléctrica
  • Concursos de transición xusta para as comarcas afectadas polo fechamento das térmicas (no noso caso As Pontes)
  • Mudar o sistema de autorización administrativa por un sistema de concurso público, con criterios racionais e baremábeis, claros, non interpretábeis, fáciles de analizar, e cun procedemento sinxelo na aplicación
  • Converter en públicas e baixo control galego as redes de distribución
  • Creación dunha Tarifa Eléctrica Galega diferenciada, eliminando os custos de transporte, para abaratar a luz a familias e empresas.

O MITECO non incorporou ningunha destas propostas.

8.- En todo o caso, o RDL non muda e mesmo avanza na consolidación dun sistema de xeración renovábel absolutamente insustentábel, baseado a produción a grande escala en determinados territorios convertidos en “zonas de sacrificio” para subministrar a todo o Estado. Isto implica liñas de transporte de centos de quilómetros, que perden enerxía (que despois temos que pagar na factura) e ocasionan graves problemas sociais. Este é o modelo que interesa ao oligopolio.

9.- O noso País non pode continuar a ser “zona de sacrificio” (mellor dito, colonia espoliada) dunha suposta transición enerxética que é absolutamente insustentábel e ao servizo do oligopolio e das grandes empresa. O BNG defende un modelo diferente, ao servizo do pobo galego e das necesidades do desenvolvemento da Galiza. Un modelo sobre a base da “xeración distribuída”, quer dicir produción a menor escala e máis próxima dos centros de consumo. Apoio ás Comunidades Enerxéticas (aquí tamén co recoñecemento xurídico das Comunidades de Montes) e ao autoconsumo. Creación dunha empresa pública galega que puidese xestionar pequenos parques eólicos ou hidroeléctricas que finalicen a concesión.

10.- O que debe facer o Goberno é presentar unha nova normativa que incorpore propostas do BNG (polo menos aquelas que van na liña de frear o espolio eólico do noso País), fortaleza o control público frente ao poder das eléctricas e inicie a mudanza do modelo de produción renovábel. Esa nova normativa pode ser levada ao Congreso en setembro e, se vai nesa liña, contará como voto afirmativo do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG