Protesta soberanista en Sanxenxo contra a presenza de Juan Carlos de Borbón

Concentración Sanxenxo
Concentración Sanxenxo

Militantes nacionalistas e veciñanza da localidade do Salnés concentráronse no paseo marítimo para rexeitar a visita do ex-xefe de Estado. Estiveron arroupados polos membros da dirección do BNG, Bieito Lobeira, Montse Prado e Néstor Rego e por Marta Gómez, de Galiza Nova

Rego: “É indigno que a Corporación reciba unha persoa que se fugou para eludir a acción da xustiza e que representa a corrupción institucional”

Na mañá deste sábado decorreu unha concentración en Sanxenxo en protesta pola presenza de Juan Carlos de Borbón na localidade. Os manifestastes despregaron faixas cos lemas “Galiza contra a monarquía española. República Galega” (BNG) e “Galiza non ten rei. República Galega” (Galiza Nova) para alén de letras xigantes formando o slogan “Galiza non ten rei”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego manifestou que o rexeitamento á visita do “Borbón fugado” é porque representa “todo o contrario do que nós defendemos: a corrupción institucionalizada e un dos elementos máis antidemocráticos do réxime de 78, unha xefatura do Estado hereditaria, vitalicia e designada polo ditador Franco”.

Rego considerou indigno que o alcalde de Sanxenxo e parte da Corporación reciban unha persoa que se fugou para eludir a acción da xustiza e que consideren que iso prestixia a vila. En referencia tamén á afirmación realizada hai días por Alfonso Rueda, o deputado nacionalista afirmou que “hai séculos que a Galiza está no mapa polo traballo, o esforzo e o talento de millóns de galegos honrados e traballadores; o que non queremos é que estea no mapa da corrupción nin do tráfico internacional de armas, no que parece que tamén estivo implicado o Borbón”.

concentración Sanxenxo
concentración Sanxenxo

O deputado nacionalista asegurou que o rexeitamento á visita de Juan Carlos de Borbón parte de que representa a antítese do que defende o nacionalismo, “a corrupción institucionalizada e un dos elementos máis antidemocráticos do réxime de 78, unha xefatura do Estado que, no canto de ser elixida pola cidadanía, é hereditaria, vitalicia e designada polo ditador Franco” e por iso, frente a unha monarquía española anacrónica e corrupta, “defendemos a democracia, un modelo republicano e a soberanía, é dicir: unha república galega democrática e soberana”.

Rego lembrou que o BNG xa rexistrou diversas iniciativas no Congreso e a solicitude de comparecencia dos ministros de Interior e Presidencia “para que expliquen canto custa ao erario público estas vacacións do Borbón” e mesmo se o Goberno considera “edificante” que quen fuxiu do Estado para non render contas polos seus presuntos delitos “poida voltar con total normalidade, demostrando que a xustiza non é igual para todos”. Aliás, o BNG tamén quere saber se o Goberno colaborou coa Casa Real na organización desta viaxe.

Pola súa parte, Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, dirixiuse ás persoas congregadas para asegurar que “nunca imos aceptar unha monarquía española anacrónica e corrupta que mantén a Galiza na dependencia, polo contrario, seguiremos loitando mañá, pasado e sempre por unha República Galega soberana”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG