Prado pide ao conselleiro de Sanidade que actúe ante o colapso da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Montse Prado
Montse Prado
“A poboación precisa unha atención digna e non é digno estar esperando horas a ser ingresado, estar nun corredor ou non ter cita”, argumenta

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, interpelou ao Goberno pola situación da sanidade pública na Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ilustrando con datos a situación de precariedade que se agudiza no verán co peche de camas e a mingua de persoal médico nos centros de saúde, mesmo en concellos nos que a poboación se multiplica na época estival.

No centro de saúde do Grove só se atenden urxencias e onde tiña que haber nove profesionais médicos hai dous, con axendas pechadas até outubro; en Marín, en lugar de 14 teñen oito; en Poio faltan catro facultativos, na Virxe da Peregrina en Pontevedra de 21 son oito, en Cuntis de seis hai un, en Cambados só catro, Raxó sen facultativos, centros de saúde na Illa, A Lama, Barro, Pontecaldelas ou Vilanova non teñen servizo de pediatría, “e podería seguir con estes datos só na área sanitaria de Pontevedra- O Salnés”, destacou Prado.

E todo isto, cando en moitos deses concellos a poboación se incrementa en miles de persoas, “consecuencia: saturación das urxencias hospitalarias que é a onde acude a cidadanía cando non logra que a atendan no seu centro de saúde, e por iso as urxencias de Montecelo están atendendo 250 persoas ao día, 160 no hospital do Salnés, provocando a saturación, porque xunto coa onda da COVID, a actividade normal e o verán, hai que sumar o peche de camas”.

Ducias de doentes esperando a ser atendidos ou ingresados ao que se suma un servizo deficitario das ambulancias, con esperas de até dez horas para ser trasladado do hospital ao domicilio, “o que tampouco axuda a unha boa atención e que pon en risco a saúde, porque están levando ao límite tanto ao persoal sanitario como á poboación usuarias”.

“A veciñanza desta área ten dereito a unha atención digna, e non é digno estar esperando horas a ser ingresado, estar nun corredor non é dignidade, non ter cita non é dignidade e, polo tanto, póñase mans á obra señor conselleiro de Sanidade e atenda as demandas dos profesionais e da veciñanza desta área sanitaria que está colapsada”, concluíu Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG