O PP vota en contra de potenciar o uso do galego entre as nenas e nenos e entre a mocidade

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas defende un modelo lingüístico educativo conforme ao Plan de Normalización da lingua galega e que responda ás recomendacións do Consello de Europa

Denuncia que a realidade evidencia “unha competencia en castelán asegurada e unha competencia en galego  comprometida”

A deputada do BNG, Mercedes Queixas propuxo, a través dunha moción, convocar unha mesa de axentes sociais e educativos  un novo modelo lingüístico educativo, supeditado á Lei de Normalización Lingüística, o Plan de Normalización da lingua galega e consonte  ás recomendación do Consello de Europa, nesta materia.

Na defensa da proposta, Queixas denunciou a “quebra” provocada polo Partido popular ignorando o marco “pedagóxico” e incumprindo o mandato principal da Lei de Normalización lingüística no que a atinxe á obriga das autoridades educativas da Comunidade Autónoma a garantir  que no  remate dos ciclos nos que o ensino do galego sexa obrigatorio, o alumnado  coñeza o seu nivel  oral e escrito, “en igualdade co castelán”.

Para a deputada nacionalista, o PP no ano 2010 decidiu unilateralmente impoñer un modelo lingüístico educativo baseado nunha  concepción social  enganosa e lingüisticamente “lesiva”. Este modelo, lembrou Queixas,  foi freado por 8 sentenzas polo TSXG ao negar, por unha banda, o discurso do PP amparado na existencia dun suposto dereito de liberdade de elección de lingua por riba do dereito á educación, e pola outra, ao verificar o incumprimento do fomento do uso progresivo do galego no ensino como marca a Lei de Normalización Lingüística.

Asemade, as  sentenzas indican que a igualdade na competencia lingüística para as dúas linguas cooficiais pode requirir estratexias compensadoras para corrixir a desigualdade.

Por outra parte, dixo,  ademais de denunciar  o incumprimento do Goberno galego da Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias tamén  denunciamos a   conivencia do goberno español, como reflicte a resposta escrita do  Congreso ao deputado do BNG, Néstor Rego na que afirma que: “para la elaboración de los informes periódicos remitidos al Consejo de Europa en el marco de la Carta Europea de las Lenguas Regionales o Minoritarias, en mayo de 2020 el Gobierno se dirigió a todas las CA con lenguas tanto cooficiales como minoritarias que tuvieran algo que alegar sobre las recomendaciones formuladas por esta organización internacional. El informe remitido por la Comunidad Autónoma de Galicia fue transcrito integramente y se refería al ámbito concreto de la aplicación de la carta de Lenguas y a la recomendación formulada”.

A deputada sinalou que o devandito informe da Xunta foi reclamado polo BNG,  a través do artigo 9 pero “nunca o recibimos” afirmou.

Por outra banda, a  Avaliación da competencia en galego e castelán do alumnado ao final de 4º ESO conclúe que, “este modelo educativo non compensa a desgaleguización familiar e ambiental da infancia e mocidade e  pon en cuestión  o modelo chamado plurilingüe”.

Imaxinemos por un  momento que a avaliación constata  que o 35% do alumnado remata a súa escolaridade obrigatoria sen conseguir boa competencia en castelán?  “Un 35% do alumnado non se expresa en galego cunha competencia equilibrado ao castelán unha vez rematada a escolaridade obrigatoria” e non temos constancia de ningunha reflexión do goberno galego sobre esta realidade.

Unha conclusión, recalcou a nacionalista,  ratificada polos  os datos do IGE: “1 de cada 4 crianzas non sabe falar nada ou moi pouco galego, unha taxa incrementada en máis de 7 puntos na última década. Agora vemos que 1 de cada 3 tampouco consegue competencia ao rematar a escolaridade obrigatoria”.

A conclusión é unha: “a competencia en castelán está segura. A competencia en galego está comprometida. A función desgaleguizadora da escola galega avanza promovida por un decreto impermeábel, un decreto que prohibe impartir materias en galego ao tempo que as autoriza a impartir en inglés”.

Cando vai entender o PP que temos dereito á aprendizaxe do noso idioma?

A presenza do galego é “insuficiente no ensino” e o PP segue mirando para outro lado, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG