parlamento galego

O PP vota en contra de declarar BIC os bens mobles das Torres de Meirás incumprindo o acordo unánime do Parlamento

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas advertiu que si a Xunta non actúa con urxencia, a familia Franco pode retirar case 400 bens inventariados pola Xunta de Galiza e non reclamados polo Estado

A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Mercedes Queixas instou á Xunta  a “a incoar o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural ( BIC) dos bens mobles  das Torres de Meirás, que pola súa vinculación co inmóbel forman parte inseparábel del, e aplicar provisionalmente a estes bens o réxime de protección previstos para os Bens de Interese Cultural.”

O PP incumpre o acordo unánime do Parlamento galego

Na súa intervención, a nacionalista explicou que o 5 de maio de 2021,  o Parlamento galego aprobou  por “unanimidade” unha proposta do BNG para  demandar da administración xeral do Estado  as accións xudiciais pertinentes co fin de  defender a titularidade pública dos bens mobles que deben formar parte do BIC,  necesarios para explicar a súa historia como   parte integrante e inseparable do conxunto, de titularidade ou de dominio público.

Asemade, o acordo incluía traballar  conxuntamente coa administración xeral do Estado

nas medidas lexislativas, cautelares e urxentes para garantir “a unidade e integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás” e  impedir un “novo saqueo dos  bens resultantes  do espolio franquista”. A maiores, o acordo tamén advertía á familia Franco “a imposibilidade de retirar de Meirás todos aqueles bens que non sexan obxectos de uso estritamente persoal e privado.

Mercedes Queixas  criticou que a Xunta e o Goberno do Estado “non se poñan da cordo”, a pesar de que poden facelo e puxo como exemplo a biblioteca de Pardo Bazán, “na que  se integra unha gran cantidade de fondos bibliográficos situados en Meirás”.

A nacionalista reprobou que a día de hoxe,  non se iniciara o proceso de declaración BIC e se incumpra o acordo unánime do mes de maio de 2021. Facemos nosa, dixo, a preocupación da cidadanía ante “o abandono do patrimonio público galego” e sumámonos ás resposta social contra a resolución do Xulgado  de Primeira Instancia nº 1 da Coruña que autoriza  á familia Franco á retirada de determinados bens mobles do Pazo de Meirás, como resultado da actual situación xurídica que sobre os bens mobles e o propio inmoble se seguen en diferentes ámbitos xudiciais.

De non actuar de urxencia,  sentenciou  Queixas, a familia Franco   poderá sacar moitos bens de Meirás existentes na etapa de Pardo Bazán ou incorporados   durante  a ditadura polo que volveu a reclamar  a incoación do expediente BIC para protexer os bens mobles das Torres de Meirás.

 

Pola súa parte, o portavoz do PP,  Carlos Salgado respondeu a deputada do BNG que  os obxectos mencionados pola nacionalista non  contan con “valor patrimonial destacado”, afirmación que a deputada rexeitou enerxicamente argumentando que forman parte “inseparable” do conxunto histórico de Meirás.

 

Mercedes Queixas concluíu a súa intervención preguntando ao deputado popular   a quen quere protexer o PP, “ao patrimonio histórico galego ou os privilexios da familia Franco”. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG