A iniciativa do BNG, que demandaba recoñecer e reparar as mulleres represaliadas e torturadas pola institución franquista como foi o Padroado de Protección da Muller até 1985, foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular no Senado co seu voto en contra. A senadora do BNG, Carme da Silva, lamenta a oposición dos populares ante unha moción que procuraba dar a coñecer a vida e a historia dos milleiros de mulleres que foron vítimas do franquismo e buscaba “xustiza e reparación” para todas elas.
“Desde 1941 até 1985 estiveron pasando pola institución franquista milleiros de mulleres intelixentes, libres, que se negaban a aceptar o que o nacional catolicismo lles impuñan” sinala a senadora do BNG durante a defensa da moción, lembrando que na Galiza existían 12 centros do Padroado de Protección da Muller e 900 no conxunto do Estado español. Todas estas mulleres, continúa Carme da Silva, foron “invisibilizadas, silenciadas, encarceradas, torturadas, escravizadas e, finalmente, esquecidas”.
O BNG, xunto con moitos colectivos, reclamaba con esta iniciativa que se fixese un recoñecemento colectivo a todas estas mulleres que estiveron no Padroado de Protección á Muller. “Que se faga xustiza e reparación e que se inclúan a estas mulleres de maneira efectiva na Lei de Memoria Democrática como vítimas do franquismo” salienta a senadora do BNG.
“Queremos que deixen de ser invisíbeis. Para que as súas historias se coñezan e que se poidan estudar e difundir as súas vidas. Para reparar a inxustiza hai que recoñecelas primeiro. e recoñecelas de forma colectiva” subliña a senadora nacionalista facendo referencia ao punto da iniciativa do BNG que instaba a impulsar traballos de investigación sobre a represión exercida contra as mulleres no seo do Padroado.
En opinión de Carme da Silva, non chega coa boa intención de pedir perdón senón que hai que reparar o dano producido e toda represión producida. “Non abonda con recoñecementos individuais. Queremos o recoñecemento colectivo das miles de mulleres que pasaron pola institución franquista” reivindica.
“O Goberno anunciou en xuño que en setembro se realizaría un recoñecemento colectivo mais, a día de hoxe, segue sen saberse por que motivo non se realizou aínda” lembra a senadora do BNG.
Lamentabelmente, o voto en contra do Partido Popular á iniciativa do Bloque Nacionalista Galego impediu que se impulsasen e desenvolvesen, en colaboración coas Comunidades Autónomas, traballos de investigación sobre a represión exercida contra as mulleres no seo do Padroado.
Neste sentido, Carme da Silva denuncia a negativa do Partido Popular a querer recoñecer e reparar a miles de mulleres vítimas do franquismo -e até 1985- e comprométese a seguir traballando para “facer xustiza con todas esas mulleres que padeceron unha persecución cruel, que foron invisibilizadas e privadas de liberdade por defender valores democráticos e querer ser libres”.