O PP en contra de subir o complemento autonómico das pensións non contributivas e a RISGA

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil indicou  que somos case o 11% máis pobres que o ano pasado e a situación agrávase para as  persoas con pensións non contributivas ou a  RISGA

Afirma que o PP deixa tiradas a 50.000 persoas na maior escalada de prezos dos último 40 anos

A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG, Olalla Rodil urxiu ao goberno galego a incrementar o complemento autonómico ás pensións non contributivas e da renda de inclusión social para afrontar a “brutal suba de prezos”.

Rodil recalcou que a crise de prezos afecta “máis a quen menos ten” e o propio Banco de España advertiu que os grandes prexudicados son os fogares con menor renda ao soportar  unha inflación do 1,2% máis alta  que outros con maiores ingresos.

Tras a intervención da portavoz popular, Noelia Pérez que anuncio o voto do PP en contra da proposta do BNG,  a deputada nacionalista replicou que hoxe  o Partido popular debe ser consciente que votando en contra “deixa tiradas a  50.000 persoas”. O BNG, explicou,  trae a cada debate orzamentario desta cámara o incremento do complemento autonómico das pensións non contributivas porque é “de xustiza” con todas esas  persoas que cobran 421 euros ao mes, circunstancia que parece, dixo, “non importalle ao PP”.

Rodil respondeu á deputada do popular que no momento da “maior escalda de prezos nos últimos 40 anos resulta urxente actualizar as axudas” porque a crise afecta a todos os países e as persoas pero “non de igual maneira” e puxo como exemplo as diferencias económicas entre Madrid, Galiza ou o País Vasco, situando a Galiza cunha inflación de 7 décimas por riba da media do Estado. Somos un país moi dependente da enerxía e carburantes e isto impacta negativamente nos sectores agrogandeiro, pesqueiro e industrial e provoca unha economía “máis vulnerable”.

Dende o BNG propoñemos a actualización da RISGA porque a inmensa maioría “só cobra o ingreso mínimo”, e un 15%, o ingreso mínimo e un complemento do aluguer que representan  “50 euros” ao mes. Aquí, dixo con rotundidade, parece que lles estamos regalando algo cando unha das obrigas de calquera goberno é garantir rendas que permitan vivir dignamente. A deputada volveu a “lamentar profundamente” a negativa do Partido popular e anunciou que o BNG insistirá con máis iniciativas porque estamos ante unha cuestión de xustiza, reiterou.

Rodil cualificou de esperpento que un empresario cun barco  utilice o bono  de eficiencia enerxético para cambiar unha cafeteira por outra que gaste menos cando hai un gran número de persoas que non poden pagar a factura da luz. Neste sentido, lembrou  que antes desta crise tan brutal, a finais de 2021, os datos para Galiza advertían que o 70% das persoas en situación de “penuria extrema” eran pensionistas ou persoas perceptoras de prestacións por viudedade ou invalidez que sobreviven con menos de 531 euros ao mes. As perceptoras da RISGA en Galiza eran  7.200 persoas no ano 2022, cun ingreso de 434,27 euros e dicir, unha contía media de menos de 500 euros ao mes.

Ante situacións excepcionais, “urxen medidas excepcionais” pero a Xunta segue sen aportar unha soa proposta e nos últimos tres meses Galiza estivo sen goberno. “Abandonen a rutina e a parálise” porque hai moitas persoas neste país que non poden agardar máis. Nós insistimos,  a proposta do BNG é clara, “mobilizar 700 millóns de euros do Orzamento da Xunta para facer fronte á escalada brutal de prezos incorporando “a actualización do complemento autonómico das PNC e a RISGA para aliviar, aínda que sexa pouco, a situación de moitas persoas e moitos fogares que o están pasando moi mal” e 100 euros no complemento nas non contributivas suporían  “4 millóns de euros ao ano para a Xunta de Galiza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG