O PP rexeita a proposta de Lei do BNG para erradicar as touradas na Galiza

Ana Pontón defendeu modificar a lei de animais domésticos e salvaxes en catividade co fin de declarar “Galiza territorio libre de touradas”

A deputada defendeu que Galiza se sume a Cataluña ou Canarias e outras partes do mundo que avogaron por suprimir as touradas pero o PP negase a modificar a lei neste sentido.

Pontón, explicou que a Proposición de lei nacionalista trata de modificar o artigo 5 dos espectáculos que prohibe a utilización de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades se iso lles pode ocasionar danos, sufrimentos ou facelos obxecto de tratamento antinatural, sen embargo, no apartado seguinte do artigo quedan excluídos do ámbito da aplicación desta lei “a festa dos touros, encerros e demais espectáculos taurinos”.

Para a parlamentaria, “a lei establece un principio xeral que ela mesma incumpre” e hoxe, vinte anos despois, “temos a oportunidade de corrixir esta situación e lexislar a prol dunha sociedade que respecte os dereitos dos animais”.

A Proposición de lei que hoxe defendemos, engadiu, é unha proposta en positivo baseada en tres elementos fundamentais: A defensa dos dereitos dos animais, a inexistencia desta tradición en Galiza, e por seren “ actos crueis e unha auténtica barbaridade”, son tortura e non cultura, recalcou.

Axudas públicas á crueldade animal

A deputada denunciou as axudas públicas ao sector da tauromaquia que sobrevive sobre todo grazas aos subsidios públicos “700 millóns de euros en axudas mentres o PP non lle treme o pulso con recortes no básico, na cultura, na educación e na sanidade”.

Pontón lembrou que na pasada lexislatura o Parlamento galego recoñeceu a crueldade desta práctica aprobando por unanimidade que se prohibira o acceso de menores a espectáculos taurinos polo seu impacto negativo e porque insensibiliza sobre a violencia.

Os touros sofren coas puías, estoques e descabelos

 

A deputada criticou que os defensores das touradas xustifiquen a súa existencia argumentando que o touro non sufre, “estas afirmación, dixo, son falsas” porque os animais son sometidos á tortura con puías, puntillas, descabelos e estoques.

No BNG, dixo, temos claro que isto “non é cultura, é tortura”, e pensamos que hai razóns de peso para adoptar unha decisión que será ben acollida na Galiza e que responde a un sentir maioritario que nos situará na vangarda dos países que respectan os dereitos dos animais.

A parlamentaria agradeceu o traballo e apoio de diversos grupos á iniciativa do BNG entre os que nomeou: a Plataforma Galiza mellor sen touradas, Sarria libre de touradas, Plataforma Prou, Fundación Franz Weber, Plataforma Tortura Non é cultura e Cas Internacional, cuxo presidente visitou o Parlamento recentemente e remitiu unha carta a tod@s @s deputados, solicitando o apoio para a iniciativa nacionalista.

Pontón lamentou o voto negativo do Partido popular e recriminou que algúns deputad@s conservadores mantiveran unha postura “hipócrita” votando en contra da proposta nacionalista despois de ter manifestado estaren en contra dos festexos taurinos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG