PP rexeita a proposta do Bloque para que a Xunta articule bolsas universitarias extraordinarias ante a escalada de prezos

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo reproba o veto a unha iniciativa que protexe ao alumnado nun contexto de crise “para que ninguén teña que deixar os seus estudos”  

O PP vetou no Parlamento galego a proposición non de lei do BNG para que a Xunta habilite mecanismos extraordinarios co obxectivo de que o alumando con dificultades económicas poida continuar os seus estudos no actual contexto de crise derivado da escalada de prezos.

O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, recriminou con severidade a posición do grupo parlamentario que sustenta a Xunta: “vostedes perderon a oportunidade de demostrar que lles preocupa o estudantado galego neste 8 de abril, a mesma data na que a Audiencia Nacional vén de condenar ao PP; porque para iso está o PP, para meter cartos no peto; para o que non está é para dar bolsas ao estudantado”.

Lourenzo recordou que a Xunta ten competencias, tal e como recolle o artigo 108.1 do sistema universitario galego, para articular bolsas e axudas propias, desmontando os argumentos do grupo parlamentario do PP, ao que lle recordou que, aínda que ese fose o problema, a solución é sinxela dado que só tería que reclamar competencias, algo que, segundo recalcou, non fixo en ningún momento e en ningún ámbito dende que Núñez Feixóo chegou á presidencia do Goberno galego. “Cero competencias en 12 anos; ese é o seu problema, que vostedes non queren ter competencias porque logo non teñen a quen botarlle a culpa da súa incompetencia”, censurou.

Logo de criticar tamén as incoherencias da Xunta, que vén de poñer en marcha un complemento ao bono social eléctrico cando esta si é unha competencia estrita do Estado, o deputado nacionalista recordou que, ademais, o Bloque introduciu nos orzamentos do Executivo central varias emendas para reforzar a política estatal de bolsas, algo que non fixo o PP, protagonizando unha vez máis a súa “procesión dos caladiños”. “Porque vostedes chegan a Madrid e calan e o BNG, estea quen estea alí, vai defender os intereses deste País e do alumando galego”, engadiu.

Lourenzo lamentou o veto do PP a unha iniciativa que pretende protexer “ás e aos nosos estudantes para que ninguén teña que deixar os seus estudos” nun contexto no que a electricidade subiu un 111,5%; o diésel e a gasolina, un 29 e un 25,9%, respectivamente; a bombona de butano, un 40%, ademais do forte incremento tamén nos alugueiros e os alimentos, “elementos centrais para calquera economía familiar, pero que teñen un impacto directo e intensivo sobre calquera piso de estudantes”, incidiu.

Neste sentido, advertiu da situación de vulnerabilidade na que xa se están atopando moitos estudantes, con serias dificultades para abonar o recibo da luz, pasando frío por non acender a calefacción ou non regresando nas fines de semana aos seus fogares para non pagar desprazamentos, porque senón quedan sen cartos para vivir durante o mes. “Hai unha necesidade obxectiva, hai competencias obxectivas, hai precedentes como as bolsas COVID, e do que estamos falando aquí é de vontade política”, concluíu.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG