O PP rexeita a moción do BNG para revisar e corrixir as eivas da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas cualifica de “fracaso” da Xunta a tramitación da candidatura e pide revisala e corrixir as eivas recollidas polo ICOMOS

A nacionalista lamentou o voto en contra do PP á moción do BNG  para reforzar o equipo de traballo da candidatura, atender ás alegacións de diversos colectivos e reformular a declaración BIC da Ribeira Sacra

O PP rexeita a moción do BNG para revisar e corrixir as eivas da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade

A deputada do BNG, Mercedes Queixas cualificou  de “fracaso” da Xunta de Galiza a tramitación da candidatura da Riberia Sacra para a súa declaración de Patrimonio da Humanidade e pediu ao Partido popular “unha rectificación” para revisar e rectificar as eivas sinaladas polo Consejo Internacional de Monumentos y Sitios, ICOMOS, encargado de aconsellar a UNESCO e ao Comité de Patrimonio incluír un Ben cultural na lista do Patrimonio Mundial.

Queixas lembrou que nunha anterior iniciativa, o BNG preguntou polo organismo e persoas que elaboraron a candidatura, proceso de concurso,  adxudicación e custe para nos impostos das galegas e galegos así como  o anunciado Plan estratéxico da Ribeira Sacra porque seguimos, dixo “sen atopalo” ao igual que a documentación solicitada.

Propostas do BNG para revisar a candidatura

A nosa moción, engadiu  Mercedes Queixas, recolle  propostas  contrastadas cos colectivos especializados e entidades locais para  contribuír á  revisión da candidatura e lembrou que o  conselleiro afirmou en sede parlamentar: “hai que rectificar, hai que avaliar, hai que reconfigurar”, pois ben, recalcou , “aquí esta  a nosa proposta  para corrixir os erros e retomar a proposta co fin de : revisar  a candidatura presentada ante a UNESCO e avaliar a resposta negativa do ICOMOS reforzando o equipo de traballo, con persoas de experiencia contrastada, e tendo en conta a necesidade de promover unha abordaxe multidisciplinar da mesma.

 A deputada tamén reclamou  “unha avaliación do orzamento investido na xestión da candidatura,  obxectivos conseguidos, depurar responsabilidades e estabelecer un novo orzamento para a abordaxe desta reformulación que agora se precisa facer.”

Na súa opinión, urxe “abrir un proceso de participación con todos os sectores implicados no coñecemento, estudo e posta en valor da Ribeira Sacra”, recollendo as aportacións da poboación local das ribeiras e paisaxe BIC e avaliar o impacto da zona de protección das grandes estruturas industriais que poden condicionar a protección patrimonial e ambiental.

Se queremos conseguir a Declaración de Patrimonial da Humanidade, é necesario reformular a declaración BIC da Ribeira Sacra,  estabelecer un calendario veraz para a candidatura que permita obter a declaración de Patrimonio da Humanidade sen que outras candidaturas do estado interfiran na presentación, defensa e valoración da mesma, fomentar unha rede de apoio local que visibilice o compromiso da poboación coa candidatura e desenvolver un Plan de Xestión e Usos ambicioso e acorde coas demandas da UNESCO para os territorios declarados Patrimonio da Humanidade.

Tras a resposta da  deputada popular, Raquel Arias, a nacionalista afeou ao PP por non  aproveitar o debate da moción do BNG para facer “autocrítica” do fracaso da candidatura. Vostedes, afirmou, “Néganse a mudar, aprender e rectificar o rumbo da historia” e seguen agochados en plans para xustificar “como ciscar cartos” que non responden a un proxecto coordinado e testado pero o ICOMOS descubriu esta estratexia “manipuladora e falida”.

Falan agora do seu compromiso para declarar BIC todo o románico da Ribeira Sacra. Preguntámoslles: por que non aceptaron as alegacións neste sentido do Sorriso de Daniel ou do propio BNG? Anunciaba o conselleiro, no anterior pleno, que no mes de setembro comezarían os traballos dos  técnicos da Xunta de Galicia e os  técnicos do Goberno do Estado cos técnicos de ICOMOS. Xa convocaron a veciñanza, colectivos coñecedores do terreo e asociacións locais? Facemos esta pregunta  porque  foi unha das eivas que sinalou o propio ICOMOS así como a inexistencia dunha planificación política patrimonial do Partido Popular na Xunta baseada no “coidado, protección e posta en valor”.

Non sigan a dar “tombos”  e poñan en marcha  un Plan Director  cun Plan de Xestión claro centrado na poboación local e recoñezan “o valor universal” da Ribeira Sacra como “paisaxe cultural”, concluíu.

 

O PP rexeita a moción do BNG para revisar e corrixir as eivas da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade