PP e PSOE votan en contra da retirada dos plans de pensións de emprego de xestión privada

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández advirte do detrimento da capacidade de renda actual e futura da clase traballadora e critica este paso adiante para privatizar as pensións
PP e PSOE votan en contra da retirada dos plans de pensións de emprego de xestión privada

O BNG defendeu no Parlamento galego unha iniciativa para que a Xunta solicite do Goberno estatal a retirada do proxecto de lei de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego, un “novo sistema de pensións privadas que vai claramente en detrimento da capacidade de renda actual e futura da clase traballadora” e que supón “un ataque grave” ao sistema público de pensións.

Así o afirmou o deputado nacionalista Mon Fernández, quen advertiu que o proxecto supón “un paso adiante no camiño de privatizar o sistema público de pensións, moi atrevido e moi perigoso”. “Dende o BNG estamos absolutamente en contra de que desde o Goberno se impulsen mecanismos deste tipo, destinados claramente a construír un sistema, a ser a primeira pedra dun sistema privado, non complementario do sistema público de pensións, senón substitutivo”, afondou.

Así, Fernández explicou que o proxecto lexislativo ten previsto levarse a cabo a través dos convenios colectivos sectoriais, onde se pactarían a constitución dun fondo de pensións de emprego obrigatorio para todas as empresas do sector e afectaría, polo tanto, a todos os traballadores e traballadoras dese sector. Neste sentido, puxo o foco sobre o que xa está acontecendo na negociación estatal da construción, sector que, de aprobarse tanto o convenio como a lei, será o primeiro en contar cun fondo de pensións de emprego que afectará a unhas 600.000 persoas e xestionará un capital a tres anos vista de arredor dos 2.500 millóns de euros.

O portavoz parlamentario de Economía advertiu que o financiamento do fondo non suporá ningún gasto adicional á patronal, senón que será descontado da suba salarial pactada, “é dicir, o fondo o pagan os traballadores e traballadoras da construción, queiran ou non queiran”, con cantidades descontadas tamén das bases de cotización, o que supón en consecuencia non só un detrimento salarial, senón tamén nas cotizacións para a xubilación, o desemprego e as prestacións por IT (o que cobramos cando estamos de baixa).

Ademais, resaltou que a pensión privada xerada con este sistema non vai compensar esas perdas no caso do salario, as baixas e o desemprego e, resulta imprevisible saber se esta pensión privada vai compensar o que se perde da pensión pública porque dependerá de factores como a rendibilidade do fondo privado (moi baixa ou mesmo negativa nestes momentos, segundo a propia OCDE) e da inflación (“é imposíbel garantir unha rendabilidade do fondo que compense a perda salarial que as persoas van sufrir no mes a mes”, alertou). “Esta é unha diferenza substancial co que pasa coas pensións públicas, que non dependen dun aforro ou dunha capitalización previa, e que se actualizan máis ou menos en función das circunstancias e das maiorías políticas”, incidiu.

Así pois, recalcou o compromiso do BNG co sistema público de pensións, universal e solidario, “xusto o contrario do que se fomenta con este sistema privado e individualizado”, polo que defendeu tamén na súa iniciativa que o Goberno galego demande do estatal o impulso das medidas necesarias para reforzar o este carácter público, universal e solidario do Sistema da Seguridade Social, así como o seu financiamento e sustentabilidade. A iniciativa nacionalista non prosperou polo voto en contra de PP e PSOE.

PP e PSOE votan en contra da retirada dos plans de pensións de emprego de xestión privada