parlamento galego

O PP non reforzará o transporte público entre O Morrazo e a cidade de Vigo

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Rios demandou un esforzo ao goberno para fomentar o transporte público co fin de  facilitar os traslados  dende o Morrazo aos centros sanitarios e educativos da cidade de Vigo

Lamentou que, unha vez máis, o Partido popular non atenda as reivindicacións da poboación do Morrazo nesta materia e volva a poñerse do lado das empresas concesionarias  

 

Santiago de Compostela, 17 de marzo, 2023. O deputado do BNG, Paulo Ríos demandou, a través dunha proposición non de lei “reforzar o transporte no Morrazo”, co fin de dar resposta a todas as usuarias e usuarios que precisan o seu uso para desprazarse ao seu lugar de traballo, ensino, ou centros sanitarios na cidade de Vigo.

Asemade, reclamou unha “unha liña directa” dende a estación de autobuses de Cangas pasando polo Concello de Moaña até as instalacións sanitarias e educativas así como fomentar o uso do transporte público.

Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que coa posta en marcha da  Estación Intermodal de Vigo, foron modificados varios  trazados nas diferentes liñas de transporte público por estrada que unen a Comarca do Morrazo coa cidade de Vigo, incrementando gravemente os tempos de viaxe  e unha  importante poboación das vilas da comarca do Morrazo desprázanse todos os días a Vigo por motivos laborais, “sendo o transporte público por estrada e o transporte de ría,  servizos fundamentais para esta comarca”.

A veciñanza non só se despraza ao centro da cidade, senón que son moitas as persoas que veñen utilizando transporte público para acudir ao seu traballo nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, ao igual que moitas mozas e mozos teñen que desprazarse a diario aos centros de FP próximos ao hospital O Meixoeiro.

Na actualidade, puntualizou o deputado, foi modificado  o trazado que daba un servizo directo a estas infraestruturas, obrigando ás persoas que viaxan nestes autobuses a facer un percorrido polo centro de Vigo co conseguinte aumento nos tempos de viaxe, circunstancia que xa provocou un “gran número de queixas” ante a imposibilidade de chegar a tempo aos seus lugares de destino.

A xuízo do deputado, lonxe de mellorar a calidade do transporte público por estrada e ser un servizo máis útil para as usuarias e usuarios, os cambios conlevan moitas molestias aos usuarios e usuarias que se ven obrigados a utilizar o seu vehículo privado.

Actualmente, a empresa adxudicataria do contrato está a implementar un autobús de reforzo na mesma frecuencia horaria, coincidindo cos tramos horarios de máis actividade, pero non resulta útil porque “non desdobra o itinerario e recunca no seu trazado polo centro de Vigo”.

O nacionalista sinalou que tras  consultar á Xefatura territorial, organismo non tiña constancia do  servizo de reforzo o que denota, afirmou “o caos  caos organizativo e discrecionalidade” coa que funciona o servizo de transporte público do noso país.

O PP non se compromete co transporte  público no Morrazo

Tras a intervención do portavoz popular, Ferro Iglesias que minorizou  os problemas do transporte na comarca do Morrazo relacionados coa  posta en marcha da Intermodal  de Vigo, anunciou que  a Xunta está estudando implementar novos axustes e medidas. O deputado do BNG, replicou que o estudo referido polo deputado do PP é un novo anunciou que non conleva “ningún compromiso” e todo apunta a que forma parte dunha estratexia ante a proximidade das eleccións municipais polo que insistiu na urxencia de resolver un problemas que afecta a un gran número de usuarios e usuarias.

Paulo Ríos sinalou que existe demanda suficiente para incrementar o transporte e mesmo as persoas  usuarias valoraron a posibilidade de contratar un autobús privado para cubrir os traslados a Vigo. O deputado lamentou que, unha vez máis, o “Partido popular rexeitara a iniciativa do BNG” obrigando aos usuarios e usuarias a seguir utilizando  o seu vehículo privado para desprazarse aos centros sanitarios e de ensino.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG