Un PP "negacionista" vota en contra do Pacto Galego pola Auga que propón o BNG

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará defende a urxencia de dar resposta ás consecuencias do cambio climático das que, segundo advirte, “só estamos vendo o principio”

Santiago de Compostela, 14 setembro 2022.- O BNG propuxo no Parlamento galego a elaboración dun gran Pacto Galego pola Auga que permita afrontar o escenario tanto presente como futuro de cambio climático, unha proposta que foi rexeitada por un PP que o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, considerou “retratado”: “fronte a un BNG en construtivo, en positivo e a favor de chegar a acordos, temos a un PP en contra, situado na oposición e negacionista, da realidade e dun gran acordo de País pola auga”.

Bará lamentou a negativa do PP a unha proposta que considerou chave para poder afrontar un problema “que non é conxuntural, senón estrutural, que veu para quedarse e do que só estamos no principio” e diante do que, segundo recalcou, a estratexia da Xunta está sendo “reactiva, parcial e unilateral”.

Neste sentido, exemplificou coa recentemente aprobada Lei do Ciclo da Auga que, segundo dixo, parte dunha visión limitada da política da auga, reducíndoa ao ciclo urbano de abastecemento,  subministro e depuración, e excluíndo da planificación hidrolóxica ao 60% do territorio (fundamentalmente grande parte das provincias de Ourense e Lugo e o sur da de Pontevedra). Ademais, o deputado nacionalista referiuse á nova norma como a “Lei do Sablazo da Auga” xa que ten como “medida estrela” subirlle a auga aos galegos e galegas “na maior crise de prezos dos últimos 40 anos”.

Fronte a un modelo e unhas políticas que definiu “do século pasado”, Bará defendeu a urxencia de desenvolver un novo modelo baseado na nova cultura da auga: “a política da auga non pode ser sectorial, ten que ser unha política integral e transversal, vinculada ás políticas ambientais e a todas as sectoriais, como a foresta, a industrial, a agrogandeira, a do ordenación do territorio e, sobre todo, á da biodiversidade, a da protección do medio ambiente e dos recursos hídricos que están constantemente sendo ameazados e destruídos por políticas ecocidas promovidas pola Xunta”, afondou.

Así pois, a proposta defendida polo BNG para desenvolver un amplo proceso de participación social e institucional que permita aprobar o Pacto Galego pola Auga a mediados de 2023, parte deste enfoque integral e da necesaria preservación e conservación dos recursos hídricos e da biodiversidade, con especial atención aos humidais e masas de auga continentais.

De igual xeito e entre outras cuestións, recolle a análise dos recursos e dos escenarios de evolución da demanda a medio e longo prazo, tanto para actividades económicas como para o consumo humano, e a consecuente fixación de prioridades. Ademais de medidas de planificación e xestión relacionadas coas actividades económicas e co ciclo urbano da auga, a proposta nacionalista apunta medidas orzamentarias para garantir os investimentos necesarios coa participación dos diferentes niveis da Administración, así como un pacto local para definir unha estrutura tarifaria e criterios sobre os investimentos en infraestruturas hidráulicas ou o desenvolvemento dunha nova gobernanza da auga, coa creación do consello galego e dos consellos territoriais para o seu uso sustentábel.           
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG