O deputado do BNG por Ourense, Iago Tabarés, exixiulle ao PP na Xunta que poña fin á situación de “parálise, improvisación e prexuízos económicos” que arrastra a reforma da Praza de Abastos de Ourense desde hai máis de sete anos e tras investirse case 7 millóns de euros públicos. O nacionalista lembrou que a praza “é un espazo esencial para o comercio local, para o emprego e para a identidade da cidade” e sinalou o PP e Democracia Ourensana como responsables da mala xestión acumulada que deixou a cidade cunha reforma “low cost e cun abandono inaceptable”.
Ambos PP e Democracia Ourensana votaron en contra da iniciativa do BNG, que pedía o traslado dos comerciantes, que continúan provisionalmente na Alameda, “un dos poucos espazos verdes de Ourense”, e tamén un compromiso sobre as seguintes fases –“as que cercenou o Goberno do PP”– e sobre a pasarela de accesibilidade. “Non están distribuídos os postos, non hai conexión eléctrica, non existe acceso adecuado entre a zona de carga e a de venda, hai informes que advertiron de incumprimentos sanitarios e a accesibilidade é deficiente, sen aparcadoiro nin conexión co existente”, denunciou o deputado de Ourense.
Lembroulle ao PP que hai máis de un ano o Parlamento aprobou, por ampla maioría, instar á Xunta a elaborar un plan funcional que permitise o traslado, avanzar nas fases pendentes e emitir un informe de Patrimonio sobre accesibilidade e integración urbana: “Nada disto se fixo. A cidadanía investiu preto de 7 millóns nun proxecto reducido e insuficiente, e leva máis de sete anos sen poder gozar da súa Praza de Abastos”, criticou.
Na súa intervención na Comisión 6ª, Tabarés subliñou que a Praza de Abastos “é moito máis ca un mercado tradicional: é un espazo de comercialización de produtos de proximidade e de calidade, de referencia para os produtores locais e para os consumidores que apostan polo fresco e de temporada”.
O deputado destacou a importancia desta praza de abastos nun Ourense onde o traballo é un ben escaso, xa que o espazo chegou a contar con máis de 179 postos e porque, malia a redución consecuencia do traslado forzoso, continúa sustentando arredor de 250 empregos, autónomos e autoempregados.
Salientou tamén o valor patrimonial e simbólico do edificio, situado no ámbito do BIC das Burgas, “un dos lugares máis visitados polos turistas e que hai non tantos anos estivo a piques de perderse polo interese inmobiliario, coa complicidade do Partido Popular”, recriminou.
Tabarés acusou o PP de ser os “grandes responsables” da situación da praza de abastos ao recortar o proxecto integral, atrasar a licitación todo o que puideron, consentir que se estragar o investimento, ademais de permitir que se perdese unha subvención millonaria que houbo que devolver con xuros–-1,2 millóns de euros de devolución da subvención máis 20.000 en xuros de demora. “Tan belixerantes aquí, e tan mansiños para manter as cadeiras no Concello e na Deputación”, rematou.