O PP en conta de repoñer o servizo de pediatría a tempo completo en Vila de Cruces

Montserrat Prado censura ao Goberno galego que fale de “axustar axendas” cando o que realmente significa é “eliminar atención” sanitaria, que demandan máis de 1.400 persoas do concello

 

 

O BNG instou á Xunta no Parlamento galego a repoñer de inmediato o servizo de pediatría no centro de saúde de Vila de Cruces na totalidade do horario para garantir así a atención pediátrica debida ás crianzas do concello. Así o reclamou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, quen recordou o rexistro este martes na propia Cámara dunha solicitude popular avalada por 1.421 sinaturas das veciñas e veciños do municipio.

Logo de enmarcar este caso na política de recortes que leva practicando o Goberno do PP en materia sanitaria durante 12 anos, Prado explicou que o Sergas decidiu deixar dende o 4 de outubro reducida á mínima expresión este servizo de pediatría, a un máximo dun par de horas a primeira hora da mañá, prestado por persoal do centro de saúde de Silleda.

Nunha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Sanidade, que foi vetada polo PP, a deputada nacionalista incidiu en que Vila de Cruces ten unha grande extensión territorial, con 28 parroquias e moita dispersión poboacional, onde os tempos de percorrido, dada ademais as deficiencias das vías de comunicación, son moi elevados e superan as recomendacións para poder prestar unha boa atención sanitaria.

“Esta situación non só prexudica ás familias de Vila de Cruces, que no caso de non poder acudir nese horario tan limitado ao centro de saúde, suporalle no mellor dos casos un desprazamento a maiores de 15 km xa que, dependendo de que punto do concello sexa a crianza, poden ter que desprazarse por máis de 40 minutos”, indicou para engadir a continuación que “tamén estarán prexudicando aos nenos e nenas de Silleda, xa que o servizo pódese ver saturado se ás máis de 1.000 crianzas deste concello en idade de atención pediátrica se lle suman os máis de 400 que ten Vila de Cruces”.

Para Prado, as solucións que vén de anunciar a Consellería de Sanidade, tanto a hora de atención diaria, como o reparto de xornadas en ámbolos dous concellos, “non son unha alternativa para prestar unha atención pediátrica de calidade, nin para Vila de Cruces, nin para Silleda”. “Non pode haber nenos e nenas de primeira e de segunda; Vila de Cruces debe ter un servizo de pediatría completo e non recortado a unhas horas”, reprobou, logo de reiterar que o BNG considera inadmisible “esta discriminación da Xunta no acceso ao servizo de pediatría simplemente por vivir no rural, porque os nenos e nenas do rural teñen o mesmo dereito a unha asistencia sanitaria de calidade”.

Segundo recalcou, as crianzas teñen dereito á asistencia por profesionais especialistas en pediatría, especialidade que existe “porque nenas e nenos teñen especificidades propias, non son adultos en pequeniño”. Nesta liña, advertiu que a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria denuncia que arredor do 15% das prazas de pediatría están ocupadas por médicos de familia e que a AEP (Asociación Española de Pediatría) sitúa en arredor do 30% as crianzas en idade pediátrica que non están sendo atendidas por especialistas.

Despois de poñer en valor o traballo das e dos facultativos especialistas en Familia e Comunitaria, incidiu en que as e os pequenos precisan dunha atención axustada ás súas necesidades específicas, entre outras cousas, porque “unha infancia atendida e coidada é a mellor garantía de persoas adultas máis sas”. Tal e como afirmou a portavoz nacionalista de Sanidade, xs especialistas en pediatría deben ser as responsables da atención integral de nenos e nenas en Atención Primaria e está demostrado que, así, o nivel e calidade da atención sanitaria á infancia mellora: resolvendo o 90% das consultas e derivándose á atención hospitalaria unha mínima parte; diminuíndo a morbi-mortalidade; incrementando a taxa de cobertura vacinal e garantindo a continuidade asistencial.

Ante a negativa do PP a apoiar a iniciativa nacionalista, Prado censurou que “cando vostedes din que do que se trata é de ‘axustar axendas’, o que realmente significa é eliminar a atención” e, neste caso, “reducir á mínima expresión a atención pediátrica” en Vila de Cruces. Nesta liña, reprochou ao grupo parlamentario que se escudase nun suposto “priorizar” porque, segundo recalcou, “as prioridades demóstranse cos feitos”. “E os feitos son que no orzamento da Xunta para 2022, a Atención Primaria ten aínda 10 millóns de euros menos que en 2021 e 47 millóns menos que no orzamento de 2009, 12 aos despois”, criticou, para resumir que isto demostra que “con menos non se pode atender máis; senón que con menos, só se pode atender menos”.   

“Sobran razóns para que a veciñanza de Vila de Cruces solicite que a atención pediátrica sexa restablecida a tempo completo”, subscribiu, para recalcar a continuación que a Xunta debería apostar por un servizo sanitario público de calidade “e non deixar abandonadas ás crianzas do concello, que se ven obrigadas a desprazarse fóra da localidade ou empuxadas á sanidade privada. Que os nenos e nenas deste concello teñan dereito a atención pediátrica, que vivir no rural non supoña unha penalización. Disto trataba esta iniciativa”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG