Parlamento Galego

PP bloquea no Parlamento solucións urxentes para a comarca de Bergantiños, como o polígono de Bértoa, a variante de Carballo ou o rescate da AG-55

Daniel Pérez
Daniel Pérez

Daniel Pérez acusa á Xunta do PP de actuar como "tapón político" e denuncia 15 anos de promesas incumpridas coa comarca

No día de hoxe, o Parlamento galego viviu un novo episodio de desprezo institucional cara a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte, coa negativa do Partido Popular a apoiar a iniciativa do BNG para desbloquear tres actuacións vitais para o desenvolvemento económico e social da zona: a ampliación do polígono de Bértoa, a construción da variante de Carballo e o rescate da AG-55.

O deputado nacionalista Daniel Pérez foi contundente na súa intervención. “Vostedes coñecían esta historia. Sobre todo vostedes, que hoxe van votar en contra dunha proposta de sentido común que leva quince anos de espera.”

A iniciativa nacionalista solicitaba na súa proposición non de lei compromisos orzamentarios concretos para 2026: 3 millóns de euros para iniciar a ampliación do polígono industrial de Bértoa, 5 millóns para executar a fase inicial da circunvalación de Carballo e o inicio dos trámites para eliminar a peaxe da AG-55, autovía esencial para a mobilidade de miles de persoas e empresas.

Daniel Pérez sinalou directamente á Xunta do PP como responsable do atraso. “O goberno galego do Partido Popular leva 15 anos castigando a Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte por puro sectarismo político. Actuando como un auténtico tapón para o desenvolvemento económico dun espazo que vai de Fisterra até A Laracha.”

O deputado nacionalista lembrou que o polígono de Bértoa, con máis de 240 empresas e 3.000 postos de traballo, leva paralizado desde 2021 pola falta de solo dispoñible e pola inacción do goberno galego. “Cantas empresas se terían instalado dende 2021? Cantos empregos se perderon?” preguntou.

Tamén criticou a demora da circunvalación, cuxo proxecto leva pendente desde 2009, e que aliviaría o tráfico pesado do barrio do Chorís, onde se concentran centros educativos, deportivos e de ocio.

No referente á AG-55, Pérez foi claro e denunciou que o PP leva castigando á comarca mantendo unha peaxe que dispara os custos para empresas, autónomos, estudantes e familias.

“Se Carballo logrou ser referente económico e social en vinte anos sen axuda da Xunta... imaxinan o que poderiamos conseguir cunha administración leal e xusta? Hoxe, vostedes prefiren seguir bloqueando.” O BNG comprométese a seguir defendendo estas reivindicacións no Parlamento e nas rúas, reclamando que Galiza non pode medrar a dous ritmos: un de promesas e outro de abandono.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG