O PP agocha ao BNG os expedientes ás eléctricas, convenios coa sanidade privada, proxectos eólicos en rede natura ou os contratos con Eulen

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro sintetiza nun “abecedario da ocultación” como o PP esconde información desde  “o b de Barreras ao v de vivenda baleira”

O BNG denuncia a opacidade do Goberno do PP que sistematicamente oculta a documentación que o Bloque solicita ao amparo do artigo 9 do regulamento do Parlamento, en concreto, máis de medio millar de solicitudes das que o 75% están sen responder pese a que o Executivo ten a obriga de facelo en trinta días.

Porén, 343 desas solicitudes de información foron realizadas fai máis dun ano e 43 son de 2020. Entre os temas que o PP oculta:  a documentación das subvencións, préstamos e avais ao estaleiro de Barreras no contexto do fiasco de PEMEX, os contratos adxudicados a Eulen desde 2009, empresa na que traballa a prima de Feijóo, que ten incrementado a facturación coa Xunta nos últimos anos.

Igualmente, oculta a documentación das listas de agarda na sanidade, os datos das persoas falecidas nas distintas residencias da terceira idade durante o drama da pandemia, os convenios e contratos do SERGAS co sector privado,  os expedientes sancionadores a hidroeléctricas ou a relación de parques eólicos proxectados nos ámbitos de aplicación de Rede Natura. O PP tamén se nega, até agora, a entregar o expediente de declaración BIC do Pazo de Meirás ou o censo da vivenda baleira.

Son algúns dos importantes asuntos sobre os que o BNG ten solicitado información que o Partido Popular retén, como denunciaba en Pleno o deputado Daniel Castro dun xeito moi gráfico utilizando un “abecedario da ocultación” que evidenciar que a opacidade  do PP percorre todas as letras da A á Z.

“Empezando polo A de artigo 9, que vulneran sistematicamente, o B de Barreras, o C de CRTVG  para saber o custo do Land Rober Tunai Show, o D de democracia, á que non lle fan moito caso, o E Eulen ou de Endesa, coa contaminación e verteduras no río Eume, o G de gustazo que dá ver concertos desde un palco VIP coas entradas pagadas polos galegos e as galegas”, enumerou Castro.

O deputado seguiu repasando o dicionario co “H das hidroeléctricas e os seus expedientes sancionadores, o L das listas de espera na sanidade, o N de Next Generation, en concreto dos proxectos remitidos ao Goberno central, o Ñ das artimañas que empregan para non contestar, o R dos seus contratos coa sanidade privada, o U da Universidade Abanca ou o V de vivenda baleira”.

“Que é o teñen que esconder señores e señoras do Partido Popular?, preguntou o  deputado Daniel Castro, ao vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, que non acertou a dar ningunha explicación máis aló da clásica cita ao bipartito de 2009.

“Non lle están fallando ao BNG, fállanlle aos galegos e galegas que teñen o dereito a que os seus representantes fagan o labor de control ao goberno, pero debe ser que o costume de pasar o rodillo absolutista fai que o PP esqueza a elemental práctica democrática de cumprir o regulamento do Parlamento, o lugar no que reside a soberanía de todos os galegos e as galegas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG