Posición de voto do BNG no debate de investidura de Pedro Sánchez

Facendo Valer Galiza
Facendo Valer Galiza
A Executiva Nacional acordou dirixirse a toda a militancia do BNG e base social nacionalista co fin de trasladar a seguinte información e consideracións políticas, vinculadas á posición de voto do BNG en relación co debate de investidura no Estado:
  1. O BNG marcou unha liña de actuación política no Congreso que pasaba por facer conciliábel un coherente perfil político nacionalista (no estratéxico), coa reclamación de medidas prácticas inmediatas (no táctico), que evidenciase socialmente a utilidade dunha presenza nacionalista libre e soberana, a do BNG, nas Cortes do Estado. Ese mesmo deseño tívose en conta nas primeiras actuacións, así como no proceso de diálogo iniciado co PSOE en relación coa sesión de investidura.
     
  2. O desenvolvemento desa negociación co PSOE, que se substanciou en varias reunións presenciais en Madrid, así como no intercambio de documentación durante as últimas semanas, non foi sinxelo nin doado. Até o punto de que a Executiva Nacional non tiña definida unha posición de voto, valorando todas as opcións.
     
  3. A Executiva Nacional, reunida con urxencia no día de hoxe, e en contacto permanente co noso compañeiro Néstor Rego en Madrid, tendo en conta a aproximación de posturas en torno á “axenda galega” defendida polo BNG, acordou que o voto do noso deputado no Congreso fose favorábel á investidura do candidato do PSOE na sesión plenaria prevista para os días 4, 5 e 7 de xaneiro. Esta decisión política fundaméntase nas seguintes razóns:

a) O acordo a subscribir para a investidura de Pedro Sánchez contempla aspectos que consideramos moi positivos e importantes para Galiza. Teñen a ver con compromisos concretos en infraestruturas básicas no noso país (a comezar pola autoestrada AP-9), na transferencia de competencias, na equiparación formal a efectos de recoñecemento da Galiza con Catalunya e Euskal Herria, na defensa do noso idioma, no saneamento das rías, na defensa do emprego e da actividade no sector electrointensivo, na transición enerxética xusta, na construción naval, na loita contra a violencia machista, no financiamento dos servizos de dependencia, nas prestacións de xubilación de emigrantes retornad@s, e melloras nos ámbitos laboral, educativo e democrático, entre outros.

b) Constátase diante do pobo galego, de xeito diáfano, a utilidade práctica do nacionalismo galego. Un só deputado do BNG é quen de condicionar a gobernabilidade do Estado, e tirar beneficios prácticos para a sociedade galega, que ningunha outra forza política de obediencia española, ou a propia Xunta de Galiza, durante anos, son quen de efectivizaren.

c) O BNG é ademais unha forza política responsábel. No actual contexto, evita o risco de convocatoria de novas eleccións, e frea tamén por tanto un eventual avance do ultraespañolismo de dereita e estrema dereita.

d) Este é un acordo exclusivamente de investidura. Non nos ata como forza política absolutamente a máis nada. Ao longo da lexislatura, nos orzamentos, na tramitación lexislativa, etc., o BNG seguirá a ser unha forza política libre, centrada exclusivamente na defensa dos intereses, dereitos e aspiracións do pobo galego.

e) Este acordo de investidura non implica ningún tipo de adhesión ao pacto de goberno PSOE-Podemos para a presente lexislatura, que inclúe medidas que o BNG non comparte, ben por insuficientes, ambiguas ou directamente continuístas.

 

DESCARGA:

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG