Parlamento Galego

Pontón ve no silencio de Rueda “toda unha declaración de culpabilidade e a demostración de que ten moito que ocultar”

Miles de contratos a dedo a empresas vinculadas a familiares do PP proban un uso clientelar dos fondos públicos que prexudica ás PEMES galegas

“O seu silencio é toda unha declaración de responsabilidade e de culpabilidade e a demostración de que teñen moito que ocultar”. Así resumiu a portavoz nacional, Ana Pontón, a comparecencia de Alfonso Rueda na comisión de investigación, na que o presidente da Xunta foi incapaz de contestar a ningunha das dez preguntas formuladas pola líder do BNG sobre os miles de contratos a dedo do goberno do PP a empresas vinculadas a familiares do Partido Popular e sobre o sobrecusto de 470 M€ na construción privatizada do Hospital de Vigo.

Pontón reprochou ao Rueda que non respondera “nin unha soa pregunta” das que lle formulou, o que demostra que o PP, recalcou, “leva 15 anos utilizando as zonas de opacidade da contratación pública para beneficiar de maneira ilícita a empresas vinculadas a familiares do Partido Popular”. 

“Un presidente que non ten nada que ocultar e que respecta o funcionamento democrático, acude ao Parlamento e a unha comisión de investigación a responder”, afondou, ademais de denunciar  o “cinismo político” do xefe dos populares por criticar a comisión impulsada en Galiza polo BNG, mentres o PP activa en Madrid a investigación dos contratos da pandemia. “Está o PP con esa comisión no Senado cuestionando ós funcionarios señor Rueda?”, interpelou Pontón rebatendo ao xefe do Executivo, “se a comisión a crea o PP é transparencia, se a impulsa o BNG é ruído, ese é o seu cinismo político”.

A líder nacionalista formulou a Rueda dez preguntas moi concretas centradas nas irregularidades detectadas na contratación da Xunta, a comezar polos miles de contratos a dedo adxudicados a Eulen, a empresa que dirixe en Galiza a irmá do expresidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo.

En concreto, detallou Pontón, 61 contratos a dedo por valor de 225.205 euros en 2018; 294 por valor de 1,5 millóns de euros en 2019; 302 por 1,3 millóns en 2020; 329 por 947.500 euros en 2021; 269 por 778.714 euros en 2022; 178 por 798.367 euros en 2023; e 140 contratos a dedo por importe de 1.569.658 euros en 2024.

“Por que o Goberno do PP adxudica miles de contratos a dedo por valor de sete M€ á empresa que dirixe a irmá do señor Feijóo?”, interpelou, 1.573 contratos a dedo a Eulen só entre 2018 e 2024, unha “práctica continuada” que, recalcou, “mostra unha utilización fraudulenta” dos contratos menores. E isto é só a punta do iceberg en función da documentación que manexa o BNG, pero que non é toda porque o PP practica unha ocultación sistemática de información tanto ao Parlamento como á cidadanía.

Neste sentido, a portavoz do BNG cuestionou en segundo lugar ao presidente da Xunta por que oculta os contratos menores do Goberno do PP entre 2013 e 2018 vulnerando a Lei de transparencia 19/2013.

“Os contratos a dedo con empresas vinculadas a altos cargos do PP salpican de cheo ao expresidente Feijóo, pero tamén a vostede como presidente”, destacou en relación  a empresa do irmán da secretaria xeral de Presidencia, que recibiu 782.667 euros en 272 contratos a dedo “por facer labores que poden facer as e os funcionarios da Administración”.

Nepotismo no entorno de Presidencia

Citou tamén os 87 contratos a dedo por valor de 1 M€ concedidos á empresa Dos Espacios Internet Consulting  pola  Axencia Turismo cando era xerente o actual xefe de gabinete de Rueda, empresa que comparte, curiosamente, sede en Madrid coa compañía do irmán de Nava Castro, directora de Turismo nese momento.

“Como xustifica os centos de contratos a dedo por valor de 1,7 millóns vinculadas a empresas vinculadas a persoas do seu equipo?”, interpelou.  Tampouco obtivo resposta á pregunta de por que o PP veta o acceso á documentación dos contratos de emerxencia na pandemia, dos que se beneficiou especialmente Universal Support, firma na que é directivo o cuñado de Feijóo e que facturou 15,2 millóns coa Xunta, por un contrato cuxa documentación se nega ao Parlamento.

Na relación de beneficios á empresas vinculadas ao PP, Pontón puxo o foco en Alberto González Amador, parella sentimental da presidenta de Madrid e defraudador fiscal confeso, subliñou, que cobrou dous millóns de euros en comisións por mediar para Mape Asesores, outra das empresas máis beneficiadas pola Xunta na pandemia.

“Como valora ese pelotazo do compañeiro da señora Ayuso facendo de comisionista ante unha empresa por material sanitario que despois comprou a Xunta?”, preguntou Pontón, tras denunciar que o reparto clientelar que Rueda fai dos fondos públicos prexudica ás pequenas e medianas empresas galegas relegadas polo trato de favor a empresas vinculadas ao PP.

Sobrecustos e vetos

A portavoz nacional centrou a súa novena pregunta na construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. “Explíquenos por que o seu goberno pagou un sobrecusto de 470 millóns polo Hospital Álvaro Cunqueiro, con menos camas e menos superficie da prevista?”, cuestionou, para subliñar a continuación que eses recursos servirían para reforzar a área sanitaria de Vigo, na que as persoas doentes de cancro son citadas de madrugada porque o servizo de radioterapia non dá abasto.

“Vai vostede levantar o veto á documentación e comparecentes solicitadas polo BNG nesta comisión de investigación, incluída a do máximo responsable dos feitos que se están investigando, o señor Feijóo?, preguntou por último ao titular do Executivo, ao que recriminou a súa “deriva autoritaria e antidemocrática” por impoñer o seu plan de traballo e vetar a documentación e as comparecencias solicitadas polo Bloque, forza política que creou a comisión.

“A pesar dos seus vetos e de querer desconfigurar o traballo da comisión, imos chegar até o final”, concluíu.   

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG